Supoño que se alguén vos pregunta que opinades da afección do Celta, moitos torceriades o bico, e mesmo diriades cousas non demasiado amables. Non cabe dúbida que a nosa afección non é a máis numerosa (non hai máis que ver como está Balaídos), nin sequera a máis divertida (calificativo este que é máis habitual polo sur da península).
A afección do Celta está chea de comepipas e de señores máis ou menos de idade avanzada que van criticar a uns e a outros. Balaídos non anima nin apreta, e, cando lle preguntamos a algún oportuniceltista porque non vai ao campo, as excusas son do máis diverso: Aparcamento, eu non volvo ao campo mentres estea fulanito, eu para ver ao Albacete non pago, vai moito frío... Excusas en fin, para non baixar a Balaídos cada 15 días.
Ademais diso, Balaídos soe presentar un aspecto desanxelado, porque normalmente acuden 10000 persoas repartidas por todo o campo, e as bancadas máis animosas son as que están detrás das porterías, e estas atópanse verdadeiramente lonxe do campo... Con todos estes datos na man, e considerando que os últimos cheos de Balaídos chegaron nos partidos importantes, poderiamos dicir que a afección do Celta non é boa... E probablemente, non nos equivocaramos.
Pero é que resulta que o celtismo non para aí. O celtismo é Balaídos, por suposto, os 10000 fieis que van cada 15 días (os das excusas non), que inclúen aos comepipas e aos da idade avanzada. E eses soen acudir sen importar que chova, vente, ou faga sol. O celtismo é tamén o celtismo foráneo, dos que manteñen o carné mesmo vivindo fóra. Pero ademais están os celtistas que viaxan co equipo... Valladolid, Salamanca, Alcorcón, Ponferrada e mesmo Granada, xuntaron a unha boa colección de celtistas de corazón... Casualmente, en ningún deses desprazamentos conquerimos a vitoria, e mesmo nalgún deles, a derrota foi tan amarga que supuxo o adeus definitivo ao ascenso.
Hoxe, desde aquí, desde esta páxina, quería dar as grazas ao celtismo, á nosa afección. Quería dicir nesta carta que estou orgullosísimo de ser unha parte dese celtismo, desta afección que asubía e que non enche o campo.
Porque a lección de comportamento e de alento ao equipo de Granada, puxo os pelos de punta. Non me poderei esquecer na vida das imaxes que vivín na bancada logo do erro do penalti de Catalá... Con xente chorando e tentando animar aos outros que tamén choraban. Mesmo me lembro desa rapaza do meu lado que, aínda coas bágoas nos ollos, ergueuse do seu asento para berrar CELTA, CELTA, cando xa nin xogadores nin afeccionados do equipo rival ficaban no campo.
Porque si, moito se comentou do comportamento que tivo a afección granadina connosco. Foi lamentable e, se mo permitides, noxenta. Pero é destacable que os nosos 300 se fixeran escoitar no medio do rebumbio de Los Cármenes.
Ser do Celta nunca foi fácil... Facendo un paralelismo, é coma amar á túa parella, e que esta non faga mais que decepcionarche unha e outra vez... Pero nós, no canto de abandonar, collemos e colgamos as nosas bandeiras orgullosos. Orgullosos porque sabemos que, con máis ou menos sorte, o ano que vén habémolo tentar de novo. Porque como dicía a campaña de abonados do ano pasado, só pensamos nunha cousa, e non pararemos até logralo.
Este ano, tiven a oportunidade e o orgullo de adestrar a un equipo alevín de baloncesto que perdeu a súa final no último minuto. Cando cheguei á caseta, puiden ollar unha visión terrible. Doce nenas que deran todo na cancha, que levaran golpes e que estaban físicamente esgotadas, todas chorando pola oportunidade perdida. Cun no na gorxa, o único que lles puiden dicir foi que para que as outras o estiveran a celebrar fóra, a nós tocábanos chorar dentro da caseta, e que para perder unha final, primeiro hai que loitar para chegar a ela. E é este último punto o que quero destacar... Non o tivemos fácil... Os de negro quitáronnos moito máis do que mereciamos e apenas nos deron nadaEste ano ficamos, coma en Madrid no 94 ou en Sevilla no 2001, co mel nos beizos por moi pouco. Por ese penalti de Michu que o destino quixo que saíra uns centímetros por riba do longueiro. Pero hoxe, dúas semanas despois, e xa pensando (que remedio) como di a Foliada Celeste, no ano que vén, ergo a miña bufanda orgulloso para berrar aquilo de:
NÓS, SOMOS, O CELTISMO!!!

