![]() |
| Foto: La Nueva España |
Fredi Álvarez asume con naturalidade o momento que atravesa o Celta Fortuna, que só sumou un punto dos últimos doce en xogo, na véspera da visita á Real Sociedad B. O técnico morracense lembrou que esta situación entraba dentro dos escenarios previstos ao comezo da tempada. "Éramos conscientes dende o inicio que isto podía suceder", recoñeceu o adestrador celeste, que afronta o encontro coa intención de recuperar sensacións e resultados nun duelo entre dous equipos que chegan igualados a oito puntos na clasificación.
O preparador do filial celeste agarda un partido de máxima esixencia entre dous conxuntos con filosofías moi semellantes. "Os dous necesitamos gañar", sinalou Fredi, que destacou a capacidade de ambos para presionar e imprimir un ritmo elevado aos encontros. "Somos os dous equipos que máis desgastan os partidos, que máis presionan, que máis corren", explicou. Ademais, subliñou que tanto o Fortuna como o filial txuri-urdin buscan asumir o protagonismo e levar a iniciativa, aínda que advertiu do perigo dos seus adversarios nas transicións, especialmente pola velocidade de Dani e Astiazaran, dous futbolistas que, ao seu xuízo, "transitan dunha maneira brillante".
A pesar da igualdade actual na táboa, Fredi Álvarez considera que a Real Sociedad B conta coa vantaxe que lle proporciona a súa experiencia na categoría. "Levan un ano nesta categoría. Iso igual son 40 partidos de vantaxe nesta categoría, que é importante", apuntou. O técnico tamén evocou a época na que a canteira celeste tomaba como referencia o traballo desenvolvido en Zubieta. "Cando estaba aquí Carlos Hugo García Bayón, o noso obxectivo era mirarnos no espello da Real Sociedad por como traballaban en canto a canteira e estrutura", lembrou. Con todo, reivindicou a evolución experimentada polo club vigués nos últimos anos: "Demos moitos pasos adiante e tamén somos un equipo que estamos chamando a atención a nivel nacional".






















