MINUTO 83: VOLVEMOS Á NORMALIDADE | Afouteza Podcast . 21:00



Durante 83 minutos, o Celta estivo gañando un partido de fútbol. Non sabemos como puido suceder. Nin nos, nin Iker Jimenez nin Pitita Ridruejo montada sobre un platillo volador. Pero existen imaxes, documentos e varias testemuñas que xa están baixo protección policial. Jutglà marcou, Balaídos comezou a sorrir e algúns afeccionados, completamente fóra de control, chegaron mesmo a consultar a clasificación. Houbo quen pronunciou a palabra «vitoria» en voz alta. Unha irresponsabilidade. Por sorte, no minuto 83 apareceu o Málaga, marcou o empate e todo volveu á normalidade: un punto, cara de parvos e outra semana escoitando que «o equipo segue medrando». Medra tanto que calquera día hai que podalo. 
 
A vitoria estivo perigosamente preto, pero o Celta reaccionou a tempo e evitou que tres puntos inesperados alterasen a planificación deportiva, o equilibrio do universo e a tradicional saúde cardiovascular do celtismo. Esta noite analizaremos esta nova modalidade de tortura con Bardo do Norte, Dinky, Manu e Fran de Lamas, acompañados polos nosos amigos do chat, esa familia que un escolle e que, ademais, deixa likes. Non coma o teu cuñado o imbécil, que ve o programa enteiro, ri, mándallo a sete grupos de WhatsApp e despois non lle dá ao botón porque «non quere que Google saiba os seus gustos». Tranquilo, Manolo: Google xa sabe que buscas grellas para facer churrasco e remedios caseiros para a calvicie. 
 
 Falaremos do partido, do empate, do minuto 83 e da misteriosa desaparición dunha vitoria que foi vista por última vez acompañada dun videoclub, un teléfono con cable e unha enciclopedia Larousse. Haberá análise táctico, rigor xornalístico, opinións completamente incompatibles entre si e catro señores tentando explicar por que o Celta xogou ben sen dicir exactamente que xogou ben. Esta noite, terapia colectiva en Afouteza Podcast. Traede bebida, paciencia e un punto, porque os outros dous non apareceron. Iker Jimenez. 
 

0 comments:

Publicar un comentario