"O avión" por Xosé Wamba


Foto: Faro de Vigo
Cando os enxeñeiros deseñan un avión non poden facelo pensando que ningunha peza vai fallar, sería un suicidio. En practicamente todos os voos xorden problemas, estráganse pezas e non por iso o avión cae ao chan. A labor deses enxeñeiros parécese moito á do adestrador de fútbol. Este ten que xuntar as pezas da mellor forma posible para que funcionen ben xuntas. Teñen que atacar e defender de forma eficiente e segura, e aínda que falle unha, as outras teñen que estar aí para minimizar o impacto.

Pero que pasa cando a un avión cáelle unha á? (como Aspas, vital para a estabilidade do equipo). Pois xa volo digo eu, que é imposible de manexar e é moi probable que acabe por estrelarse. Pode ser incluso malo darlle moita importancia a unha peza do avión, porque nin a á voa soa sexa o boa que sexa. Mesmo sen que lle caese esa mesma á, que pasaría se non só un, nin dous, se non que todos os frenos fallasen? Pois obviamente o avión non aterraría de forma segura, e o noso avión é moi potente. Se só fallase un freno o avión sería quen de parar antes do final da pista, é algo para o que os enxeñeiros teñen solución. Pero a Cardoso lamentablemente non só lle falta un freno (ou todos, visto o nivel dos defensas onte) e  unha á; ademais diso, a Cardoso fáltalle o combustible.

O combustible é o que necesita o avión para obter enerxía, que logo fai que o avión voe como debería. Ese combustible é o apoio da afección, e a enerxía maniféstase en forma de motivación ao xogar. Se os teus seareiros non van verte cando xogas en casa, e os que van non paran de murmurar cando tocas o balón que pretenden, que deas o 100%? Un pouco hipócrita. Sairá o que diga que para o que cobran ben que podían correr. Primeiro, eles non teñen a culpa de cobrar tanto (tédela vós por contribuír a este noxo de fútbol moderno) nin van deixar de cobrar por facelo mal. Vouvos poñer un exemplo moito máis familiar. Moitos de vós sodes pais e nais, e algúns até avós. Vós podedes facer que os vosos fillos coman (reciban o seu salario) e non por iso van ser bos fillos nin vos van querer máis, só faltaría que non lles désedes de comer. Porén, se lles dades cariño, amor, comprensión e apoio ides crear un lazo moi forte con eles, co cal vanse esforzar moitísimo máis para non decepcionarvos. Iso si, se todo o que fan é tomado como unha decepción o único que facedes é crear un sentimento de rexeitamento, que fará que os vosos fillos queiran afastarse o máximo de vós.

Aínda estamos a tempo de arranxar as cousas se todos remamos cara ao mesmo. Necesitamos un set completo de frenos (se até Mallo está baixo de forma deberíamos ter un substituto de garantías), tirar os que xa temos estragados ao lixo (aínda que temos que recordar que houbo un tempo nos que ben que nos servían) e sobre todo, temos que poñerlle combustible ao avión, se non, por moito que queiramos o avión, con toda a potencia que ten nos motores, tan só vai planear.

0 comentarios:

Publicar un comentario