Rafael Louzán, Presidente da Federación Galega de fútbol, anunciou esta semana a súa intención de retomar os partidos internacionais da selección galega, interrompidas trala chegada á presidencia da Xunta de Núñez Feijoo. O de Ribadumia apuntou que a Federación quere recuperar este partido, e aínda que sabemos que Louzán, como bo político de profesión que é, está acostumado ás promesas, moitas veces imposibles de cumplir, queremos que vos convirtades por un intre en seleccionadores nacionais para confeccionar a vosa selección galega.
Podedes facer unha convocatoria completa, con máis de 20 xogadores, ou simplemente o once inicial, que sen dúbida tería unha forte presencia celeste, con moitos xogadores pertencentes ao Celta na actualidade, ou formados na súa canteira. Rubén Blanco, Hugo Mallo, Jonny, Yelko Pino, Borja Fernández, Iago Aspas, Álex López, David Costas, Sergio Álvarez, xogadores que pertencen ao Celta actualmente, abofé que terían un sitio no equipo, pero tamén aqueles que tiveron que marchar de Vigo como Joselu, Denis Suárez, Yoel, Santi Mina, Túñez, ou algún outro dos que están espallados polo mundo enteiro.
Tamén o Deportivo aportaría xogadores como Lucas Pérez, Insua, Juan Domínguez ou Álex Bergantiños, que tamén aportarían o seu a un equipo que, so cos nomes postos enriba da mesa sería moi competitivo. Pero o fútbol galego non se ciñe exclusivamente a estos nomes: Diego López, Jonathan Pereira, Roberto Trashorras, Diego Castro, Iago Falque, Carlos Pita… coas vosas respostas elaboraremos o equipo ideal galego, e ides ver que sería ben curioso e podería dar guerra nunha Eurocopa.
P.D: Os irmáns Alcántara, ou Rodrigo Moreno, non deberían ser incluidos nesta lista por non ter nacido en Galicia, aínda que deixamos á vosa elección a inclusión ou non dalgún destes xogadores.
0 comments:
Publicar un comentario