Berizzo prepara a Bongonda


Foto: Récord
Un dos xogadores que máis está contando para Berizzo nesta pretempada é o belga Thèo Bongonda. Chegado a Vigo no pasado mes de xaneiro, non contou con moitas oportunidades durante a Liga, se ben é certo que o gran momento de forma dos extremos celestes facía difícil o seu ingreso no once inicial. Este verán, aproveitando que Nolito chegou tarde á concentración, e que despois non puido xogar por estar mancado, Bongonda está a gozar da confianza plena de Berizzo, e é un dos seis xogadores celestes que acumulan máis de 300 minutos ó longo dos partidos xogadores ate o momento. 

Bongonda aínda non xogou ningún partido enteiro, pero nos tres últimos, fronte a Galatasaray, Ingolstadt e no trianguilar de onte, foi titular e xogou moitos minutos, sendo sustituido nos instantes finais dos choques. O seu rendemento, sen ser malo, non está a ser tan ilusionante como foron as súas aparicións nas segundas partes en moitos partidos da pasada Liga, pero é evidente que é un xogador con clase e desborde, que pode ser moi importante na banda esquerda do Celta nos vindeiros anos. 

E aínda é un xogador moi novo, con moita marxe para a melloría e gran capacidade para evolucionar como futbolista. Veremos qué sucede finalmente co futuro de Nolito. Se o andaluz continúa en Vigo, Bongonda non terá tanto protagonismo durante a Liga, pero parece evidente que o seu papel é o de sucesor do xogador de Sanlúcar. Sexa este verán ou o que ven.  Berizzo xa o vai preparando. 

0 comments:

Publicar un comentario