Un obxectivo irreal


ADRIÁN IRAGO

15 de xullo e a calor abafa en Vigo. O Celta adéstrase na Madroa á espera de por rumbo a Alemaña para continuar a súa preparación de cara á nova temporada. Os homes de Berizzo xa coñecen polo momento o camiño que van ter que percorrer para acadar os seus obxectivos. Na matinal de onte sorteouse o calendario correspondente ao curso que vén. O Levante será a primeira das 38 datas que marcarán o porvir do equipo nunha campaña histórica, a quincuaxésima na elite do fútbol español. Co sendeiro xa marcado, o que non parece estar tan claro é a meta.

A prudencia é virtude. Porén, coma todo na vida, o exceso dela tampouco é recomendable. Tanto dende a dirección do clube coma dende o adestrador prevalece o discurso da permanencia como propósito único e fundamental da vindeira temporada. Non tanto nos xogadores, quenes incitan a soñar con cotas máis elevadas. Unha finalidade a da salvación precavida, sustentada quizáis no medo aos anos treboentos que poderían voltar da man da ambición desmedida. 

Pero o certo é que non se pode vivir así. O pánico a pensar en grande é contrario á esencia de calquera deporte. O conformismo, tamén. A meta debería ser superarse, amarrarse a obxectivos realistas, e ir por eles. O Celta hai tempo que non pode pensar únicamente na permanencia. O seu listón é superior. Impídello o seu potencial deportivo e tamén económico. Non moitos xuntan a xogadores coma Nolito, Orellana ou Guidetti. Moi poucos poden permitirse contratar a Iago Aspas ou Daniel Wass. Se no pasado recelábamos de compararnos con clubes de presuposto superior, sería inxusto e irreal esixirlle ao equipo o mesmo que os siareiros do Eibar lle reclaman ao seu, por poñer un exemplo dun clube que merca a custe cero e vai loitar por acadar os 35-36 puntos que poden garantir a salvación.

O Celta medrou económica e deportivamente, e con el tamén deben facelo os seus obxectivos. Ninguén fala de gañar a liga ou clasificarse para Champions. Incluso a sexta praza, que daría a posibilidade de disputar directamente a Europa League semella moi difícil. Barcelona, Real Madrid, Atlético, Valencia e Sevilla parecen xogar noutra competición. O Villarreal é, a priori, o mellor dos mortais. E logo vén o Celta, membro dun grupo no que tamén aparecen Athletic, Real Sociedad, Espanyol, Málaga e quen sabe se algunha outra sorpresa. Non moi lonxe dos amarelos, pero sí a unha pequena distancia.

Esa debe ser a pelexa do Celta. O éxito absoluto, a sexta praza. A normalidade, bailar entre o séptimo e o décimo. Vivir pendente do descenso, aínda que se consiga evitalo con certa antelación, unha decepción. Todo o demais sería infravalorar as posibilidades propias e amosar unha falta de ambición preocupante. Sería, sen lugar a dúbidas, loitar por un obxectivo irreal. 

0 comentarios:

Publicar un comentario