Moiceleste reforzará os contidos en galego


Foto: Marta Grande
Se sodes lectores habituais de moiceleste, teredesvos decatado de que nas últimas datas estamos potenciando os contidos en galego. Esta é unha vella petición de moitos de vós, que demandades máis información e artigos no idioma da nosa terra. Dende moiceleste sempre fomos moi sensibles con respecto a este asunto, escoitamos e valoramos tódalas opcións, e decidimos dar un paso á fronte aumentando e potenciando os contidos en galego como seña de identidade da nosa web. 

Somos conscientes da importancia que ten este espazo para espallar a nosa lingua, pero á súa vez tamén sabemos que o noso obxectivo primeiro é o de espalla-lo celtismo, e chegar a todos e cada un dos afeccionados que nos siguen dende calquer punto do mundo. O celtismo, aínda que é maioritario en Galicia, non se circunscribe únicamente ó territorio do noso país, por iso hai que respetar e pensar en todos aqueles que nos seguen dende América ou dende outros puntos de España, e que tamén merecen poder ser informados. Certo é que, por definición, son tolerantes, pero un exceso de información en galego sería perxudicial para eles. 

Así pois, trataremos de sobrevivir nesa dualidade, buscando non esquecernos de ninguén. Nin dos nosos -os galego falantes-, nin tampouco dos nosos -os celtistas-. Esa será a nosa teima. Afortunadamente, a participación dos siareiros, fundamentada nas mensaxes da web, contan con unha gran presenza do galego, o cal é un motivo de orgullo e satisfacción para nós. É unha mágoa que esa presenza tan importante do galego non se traslade á rúa, onde o galego, especialmente en Vigo e no entorno do celta, é moito menos destacado. Pero todo axuda. 

Trataremos tamén de contentar a todo o mundo. Ós que queren que escribamos en galego e a aqueles que non lles gusta que o fagamos se cometemos erros. Eu son galego falante. Meus pais educáronme nesa lingua e eu educo ós meus fillos nela, pero polo momento é un idioma que está buscando o seu sitio e prodúcense cambios constantes que non son doados de  seguir dende a posición dun simple falante do galego. Tentaremos de ir engorde para non trabucarnos moito. 

Queremos aclarar por último, que a intención de moiceleste non é a de transforma-la web completamente ao galego. De feito, o castelán seguirá sendo a lingua na meirande partes das nosas novas ou artigos, pero queremos aumenta-la presenza do galego, tendo sempre moi presente que os celtistas, sexan de onde sexan, son o primeiro para nós. Aproveitamos tamén para agradecer a vosa participación en todos e cada uno dos debates que se propoñen na web. Vós sodes os que mantedes esta comunidade viva e os que a ides transformando no que actualmente é. Moitas grazas. 

0 comentarios:

Publicar un comentario