A folla de ruta do Celta no mercado de fichaxes


Foto: Ricardo Grobas
O Celta trazou unha folla de routa moi clara cando rematou a tempada de cara ó mercado de fichaxes. Carlos Mouriño anunciou catro incorporacións, unha por liña, deixando a porta aberta a chegada dun gardamallas. De momento chegou Aspas, que sería esa fichaxe para a dianteira, pero é probable que non sexa a derradeira. A folla de ruta do Celta pode cambiar en función das saídas que se produzan. 

Este verán o Celta sabía que Krohn-Dehli e Oubiña sairían. A saída de Oubiña está cuberta con Borja Fernández, que pode ascender ó primeiro equipo, e compre atopar un xogador que faga olvidar ó danés. Por outra banda, os rumores son insistentes con respecto á saída de xogadores ofensivos. Santi Mina, Charles, Larrivey e Nolito poderían saír. Non será doado que saian todos, pero é probable que algún non esté en Vigo o ano que ven. 

No medio do campo Álex López quere falar con Berizzo para coñece-la súa situación de cara á vindeira tempada, e o Tucu conta cunha oferta de Colo Colo, que está vivamente interesado nel, pero veremos se é quen de paga-lo que o Celta pide por él. De producirse algunha saída nestas posicións tamén cambiaría esa folla de ruta. Asemade, xogadores como Madinda, David Costas, ou o propio Rubén Blanco, poderían xogar o ano que ven noutro equipo en calidade de cedidos. 

Así pois parece que a confección final da plantilla ben pode ser moi diferente á inicialmente plantexada en Praza de España. O mercado aínda non se abriu, será o vindeiro 1 de xullo, e os movementos están a ser importantes. O Celta traballa arreo para que Berizzo conte coa plantilla case pechada cando volvan os adestramentos alá polo cinco ou seis de xullo, pero iso será case imposible.

0 comments:

Publicar un comentario