Nunca só (polos verdes prados do ceo)


Foto: Jose Lores

Vexo a Ana sostendo o ramo de flores xunto a Carme Avendaño. A miña amiga Ana, neta de Basilio. E o corazón bota a falar unha e outra vez. Viaxa cen kilómetros o Sul. Inquédase. Enternécese. Chora e rí.

Falar de Basilio a estas alturas e unha trivialidade. Vexo a miña amiga, vexo o seu rostro, entristecido.  E algo se me move polo interior, coma unha serpe multicolor.  Comprendo perfectamente os seus sentimentos. Non son datas sinxelas para ninguén do seu entorno.

Veño hoxe aquí a dar testemuña. A dicir o que me pide o corazón. Dicirlle algo a Ana: eu quéroa ver sorrir. Que quero que ela e Xoan Vilas, sorrian un pouco por dentro. Inda que sexa só un pouco, que o fagan en privado percatándose da sua situación. Porque no fondo, os dous, os meus dous amigos, son xente enormemente afortunada.

Coñecer a algúen coma Basilio debe marcar a existencia de un. A súa lonxevidade é una proba de vida, de fe, de esperanza. Ou sexa: de celtismo. Do bó celtismo. Afouteza e corazón.  Por iso hoxe a miña aperta vai para eles, para os meus queridísimos amigos. E con ela viaxa dende Santiago tamén a miña sana envexa, por compartir vivencias, sentimentos, vitorias, derrotas, noites máxicas e noites de mágoa, bagoas e resquemor, con alguén que nos deixa una lección de fidelidade a un sentimento. Leccións maxistrais para xente xoven.

Basilio foi dunha xeración única: xente forte. Xente brava. Raza pura. Sentimento. Cousas que parecen estranas neste hipertecnificado mundo. Onde a solera dunha afección parece cousa do pasado. Onde os nenos só queren gañar, nun hipermercado de triunfalismo mediático, querendo ser o xogador de moda na Catalunya ou a hiper pagada estrela do rutilante equipo capitalino. E iso fai más meritorio todo o que rodea a imaxe do propio Basilio. Imaxínome a un xovencísimo Basilio ilusionado cun carné de socio do equipo da súa vila. Un equipo que xogaba nun campo de terra, nunha alonxada barriada do extrarradio dun pobo mariñeiro. Imaxino, en branco e negro, os goles cantados. As apertas ós xogadores o finalizar o encontro. Ese neno que pervive para sempre na memoria. Esa fidelidade ó longo das décadas, dos momentos, das mareas do propio tempo e unha preciosa xoia que transmítese de xeración en xeración. Ogallá saibamos apreciala e dignificala coma se merece.

Porque no fondo, todos os celtistas, temos dentro un neno. Un neno en branco e negro, que nunha leira, nun campiño, soñou un día levar unha equipación azul celeste. A cor que ten o mesmo ceo. Acaso Basilio era iso: un gran neno que soñou toda a súa vida cun gol histórico ataviado coa súa camesola no verde prado de Balaidos...

Basilio xa xoga, ataviado por sempre coa sua bufanda e as cores que amou toda a vida. E coma unha vez escribín, e algúen dixo: Un celtista nunca camiña só. Basilio nunca estará só. Xogará por nos dende os verdes prados do ceo. Estou seguro de que xa está gañando ese partido, co resto do equipo de celtistas que xogan na liga que hai máis alá das estrelas.

0 comentarios:

Publicar un comentario