Adrián Iglesias: "Quero facelo ben na pretempada, apretar o máximo"


Un futbolista agolense estará as ordes de Luis Enrique no Celta a partir do próximo luns. Trátase do dianteiro Adrián Iglesias Moure, de Borraxeiros. Este martes o clube anunciaba que este xogador de 17 anos fará a pretempada co primeiro equipo xunto cos tamén canteiráns Fernán, Yelco, Jordan e Borja Fernández. O dianteiro agolense, que fai catro anos que chegou ao clube vigués procedente da EF Lalín, explica que se enterou por un amigo da convocatoria.

-¿Qué supón facer a pretempada co primeiro equipo?
-É unha felicidade enorme. Cando cheguei ao Celta, pensar en que podía pasar isto, era algo moi grande. E agora que cheguei aí, é marabilloso.

-¿Agardaba que puidera chegar esta chamada?
-Despois do ano que pasei, para nada contaba con isto.

-¿Foi un ano difícil?
-Si. Foi duro. Morreu meu pai e tiven moitos problemas. Non estaba ben animicamente, notábame cansado, non era o mesmo no fútbol. Non foi doado.

-Entón, ¿o significado é maior?
-Si, principalmente, por meu pai sinto unha felicidade enorme. El animábame moitísimo.

-O director técnico do Celta, Torrecilla, comparábao este martes con Santi Mina, ¿que representa isto?
-Non o sabía. É un orgullo despois da tempada que fixo Santi Mina, de ir coa selección española, os goles que marcou co Celta B e na fase de campións cos xuvenís. Que me comparen el, é para estar contento.

-¿Coincidiu con el?
-Estiven entrenando con el. Agora vaille de maravilla e gustaríame seguir como el.

-Despois desta chamada, ¿que retos se marca para a tempada que agora comeza?
-Facer un bo ano cos xuvenís e intentar gañar a liga. E despois se podemos marcar o maior número de goles e facer como Santi Mina, mellor.

-¿Será a próxima semana o seu primeiro contacto co primeiro equipo do Celta ou xa estivera?
-Xa xoguei con eles un amistoso o ano pasado e marquei un gol. E este ano gustaríame facelo ben agora na pretempada, apretar o máximo, e a ver se me dan algún minuto nun amistoso para poder aproveitalo.

-O Celta está apostando pola canteira, ¿isto supón un aliciente a maiores?
-Claro. Moitos xogadores van para arriba e entón hai que aproveitalo o máximo. Facer un esforzo para dar todo que se poida.

Adrián foi titular na maior parte dos partidos da competición ligueira na tempada que rematou. O seu acerto ante a portería rival quedou patente con 26 goles. Unha traxectoria que lle permite facer a pretempada, e aínda que se lle recortan as vacacións, «é mellor ir con eles e as vacacións deixalas para outro momento».

Montse García / La Voz de Galicia

0 comments:

Publicar un comentario