![]() |
RICARDO GROBAS |
Fernando Vázquez (Castrofeito, 1954) é un dous poucos adestradores que pode presumir de derrotar dúas tempadas consecutivas ao Real Madrid no Bernabeu. Logrouno nas campañas 2005/06 (2-3) e 2006/07 (1-2), as últimas visitas do Celta ao estadio madrileño. Tras unha longa travesía polo deserto da Segunda División, os celestes reencontraranse co «templo» de Chamartín. E Vázquez non descarta un novo trunfo do Celta.
-¿Cal é o segredo para gañar no Santiago Bernabeu?
-Non hai un só segredo. O máis importante é ser un equipo ordenado e ter esa tranquilidade necesaria para aguantar os primeiros minutos. É clave evitar que o Real Madrid te arroie. A partir de aí será necesario facer un traballo defensivo espectacular e ser capaz de atacar.
-A pegada dos brancos asusta.
-Si, é un dos seus puntos máis fortes. No Bernabeu é importante ter a pelota, pero tamén saber acabar as xogadas para que eles teñan que xogar en curto e non poidan armar o contraataque. Se o Celta deixa correr a Ronaldo, Di María, Özil ou Benzema, non terá nada que facer.
-Herrera deixou claro que o Celta non cambiará o seu estilo.
-Gañar alí é moi difícil e o máis normal é que perdas, por iso creo que Herrera acerta cando di iso. Se as cousas se poñen mal, xogando como soes facer é posible que remontes. Nós fixémolo dúas veces. Pero se saes só a defender, en canto recibes un gol o equipo pode quedar perdido porque habería que cambiar a mentalidade dos xogadores.
-Marcelo e Coentrao lesionados, Ramos e Pepe con molestias. Parece un bo momento para sorprender ao Real Madrid.
-Si, é un bo momento para ir a ao Bernabeu. O Real Madrid ten problemas nas bandas polas lesións e veremos como chegan Pepe e Ramos. Ademais, o seu adestrador tivo pouco tempo para preparar o partido polos encontros das seleccións. O Celta non ten nada que perder.
-O Celta que vostede dirixía asaltou dúas veces o estadio branco. ¿Como o recorda?
-Son recordos imborrables malia que co paso do tempo os sentimentos valos perdendo. Recordo a afección do Celta naquela curva do Bernabeu e moita alegría e saltos sobre o céspede. Gañar dúas veces seguidas foi moi importante para o equipo.
-¿Ve vostede algunha similitude entre aquela época e a actual?
-Pode ser. Aquel Celta tamén era un recén ascendido e o noso fútbol era bastante parecido ao que fai o equipo de Herrera. Ademais, nós tamén collemos ao Real Madrid ao inicio de Liga como vai ser agora. Gañar no Bernabeu nunca é fácil, pero se xogan con ilusión poden darlle un susto grande ao Real Madrid.
-Logo do partido no Bernabeu o Celta afrontará o derbi. O ano pasado o Deportivo gañou os dous encontros.
-Iso pode cambiar este ano. O derbi é un partido totalmente diferente porque o pensamento da xente cambia. Se hai unha diferenza que eu vexo no entorno celtista respecto á miña época é que agora teño a sensación de que hai más conexión, entre o equipo e a afección. Os futbolistas do Celta agora xogan con alegría en Balaídos, e esa conexión entre o equipo e os afeccionados está lanzando ao Celta a gañar moitos partidos. Por iso, creo que este ano será máis fácil gañar ao Deportivo en Vigo.
0 comments:
Publicar un comentario