Directo | Afouteza Podcast | O Punto de inflexión, ou non..



Hoxe abrimos o Búnker Celeste novamente. Porque o fútbol non descansa, e o celtismo tampouco. Aínda que probablemente debería. Esta vez toca Celta contra Levante. Un partido que, sobre o papel, parece unha desas citas tranquilas que os xornalistas describen como «boa oportunidade para sumar». Xa. Precisamente así comezan todas as historias que rematan cun señor mirando ao baleiro na bancada e preguntándose por que lle fai isto ao seu corazón desde 1994. O Levante chega a Balaídos disposto a facer o que máis doe: ser razoable. Xente organizada, disciplinada, con esa desagradable costume de non colaborar cos nosos plans. Nós, pola nosa parte, poremos o de sempre: ilusión, nervios, expectativas desproporcionadas e a capacidade única de interpretar cada resultado como a confirmación definitiva dunha teoría que levamos defendendo exactamente cinco minutos.

No Búnker Celeste estará na dirección Manu Percu e Fran Lamas , preparados para analizar o partido con rigor, paixón e a serenidade habitual de dous homes que poden pasar de eloxiar unha presión alta a solicitar unha investigación parlamentaria contra un saque de banda mal executado. Dinky fará gardia na garita desde Cádiz, observando os acontecementos coa atención dun home que xa sabe que o perigo nunca vén do rival. O perigo vén da confianza. Se alguén pronuncia as palabras «hoxe debería ser fácil», activarase inmediatamente o protocolo de contención psicolóxica. E teremos tamén a participación da nosa comunidade, porque se algo nos ensinou o fútbol é que todo o mundo ten unha opinión... e que normalmente aparece dous segundos despois do primeiro gol encaixado. Esta noite non buscamos respostas definitivas. Só queremos descubrir se este Celta está preparado para dar un paso adiante. Ou se, pola contra, imos volver aprender que a estabilidade emocional segue sendo a materia pendente do celtismo moderno. Abrimos o Búnker.

0 comments:

Publicar un comentario