Manuel Bragado presenta o libro "Afouteza Celtista" na Sede do Celta



O celtismo transcende o mero sentimento futbolístico para se converter nunha auténtica construción cultural que se alimenta, partido a partido, nas bancadas de Balaídos. Esa idea será o eixe da presentación de Afouteza celtista. Gramática do fútbol celeste, o novo libro de Manuel Bragado, que terá lugar hoxe, mércores 25 de marzo, ás 20:00 horas no Salón Rexio da Sede do Real Club Celta. A obra afonda no universo emocional, simbólico e colectivo que rodea o club vigués, entendido non só como entidade deportiva, senón como unha expresión de identidade, resistencia e orgullo fondamente arraigada en Vigo.

O acto reunirá varias voces de peso na contorna celeste e no ámbito xornalístico e editorial. Xunto ao propio Bragado participarán o editor Xabier Romero; o xefe de Deportes de Faro de Vigo e autor do prólogo, Juan Carlos Álvarez; o xornalista de RadioVigo e encargado do epílogo, Jacobo Buceta; e o exgardameta e actual conselleiro do club, Sergio Álvarez. A cita preséntase así como un espazo de reflexión compartida sobre un libro que nace da ollada dun seareiro que leva tres décadas observando e narrando o Celta desde o seu asento en Río Alto, convertendo a experiencia da bancada en materia literaria.

Lonxe de se formular como un relato histórico convencional, Afouteza celtista constrúese a partir dunha selección de textos escritos ao longo dos últimos trinta anos, rescatados por Bragado para dar forma ao que define como unha “gramática do fútbol celeste”. Nas súas páxinas conviven a memoria de episodios decisivos, a interpretación do simbolismo das cores do club e a reivindicación de Balaídos como un lugar case sagrado para a comunidade celtista. O concepto de “afouteza”, esa mestura tan galega de valentía, arroxo e determinación,  actúa como columna vertebral do libro e como síntese do carácter competitivo do Celta, da súa capacidade para resistir e do seu empeño constante por seguir entre os grandes.

O volume tamén pon o foco na evolución do club como gran referente do fútbol galego, repasando as distintas etapas que foron moldeando a súa personalidade ata chegar ao presente. Bragado adica unha atención especial ao ciclo encabezado por Claudio Giráldez, interpretado como unha etapa que devolveu ilusión, frescura e conexión coas raíces da entidade. Coa experiencia que lle outorgan os seus vinte e catro anos á fronte de Edicións Xerais de Galicia, o seu labor como activista cultural, a súa colaboración habitual en Faro de Vigo e a súa traxectoria no blog Brétema, o autor asina unha obra que aspira a explicar por que o Celta é moito máis ca un club. A presentación de mañá anúnciase, nese sentido, como un convite a recoñecerse nunha memoria compartida e a reforzar esa linguaxe común que une milleiros de persoas baixo un mesmo escudo.

0 comments:

Publicar un comentario