Borja Iglesias: "Oxalá soñar con cousas bonitas para 2026"


Foto: RC Celta

Borja Iglesias foi un dos grandes protagonistas da contundente vitoria (4-1) fronte ao Valencia, nun partido no que asinou un dobrete e volveu sorrir tras deixar atrás problemas físicos. Ao remate do encontro, o dianteiro amosouse moi satisfeito polo rendemento do equipo e polo ambiente vivido no estadio, que presentou unha grande entrada.

“Moi felices deste inicio, de ter o estadio hoxe de novo a tope, disfrutando dun gran resultado”, sinalou Borja ao analizar o choque. O atacante recoñeceu a dificultade dun encontro que non foi sinxelo nos seus primeiros compases: “Foi un partido moi complexo para nós. Eles iniciaron moi ben co balón, moi difíciles de detectar, pero o equipo, cando non o entende, traballa moito, e a partir de aí fomos capaces de medrar no partido”. Un esforzo colectivo que acabou traducíndose nun resultado amplo e nunha actuación sólida.

No plano persoal, o dobrete tivo un sabor especial despois dunha semana complicada. Borja explicou que chegou xusto ao encontro tras arrastrar molestias físicas que o deixaran fóra no último partido de 2025 ante o Oviedo. “Acabei o ano un pouco mancado despois de moito traballo, e a verdade é unha alegría tremenda chegar hoxe ao partido, porque tiña algunha dúbida durante a semana, pero parece que mereceu a pena”, confesou, visiblemente satisfeito polo seu regreso.

Mirando ao futuro, o dianteiro valorou de maneira moi positiva o camiño percorrido polo equipo. “O 2025 foi moi bonito, difícil durante momentos, pero disfrutámolo moito. Que se asemelle sería tremendo; imos traballar para iso, sabendo da dificultade e da ilusión que temos. Oxalá soñar con cousas bonitas”, afirmou, deixando clara a ambición de cara a 2026.

Por último, Borja Iglesias quixo ter unhas palabras de agradecemento para a afección, clave unha vez máis. “Estamos vivindo un momento tremendo, témolos sempre moi preto. Ás veces pasamos por momentos difíciles, pero anímoos a que sigan con nós, porque cremos moito nisto”, concluíu, reforzando a unión entre equipo e bancada nun momento ilusionante.

0 comments:

Publicar un comentario