Ángel Arcos: “Non foi o debut soñado, pero estou moi agradecido pola oportunidade”


Foto: RC Celta

O Celta caeu derrotado por 3-2 ante o Ludogorets na Europa League, nun encontro no que o gran protagonista celeste foi Ángel Arcos. O extremo do Celta Fortuna debutou oficialmente co primeiro equipo e, a pesar do resultado, mostrouse orgulloso e agradecido pola oportunidade.

Moi contento, aínda que non foi o debut soñado. Quería pensar na vitoria. Estou contento e agradecido pola oportunidade”, explicou aos micrófonos de Celta Media tras o encontro. O canteirán, que deu un paso adiante nun escenario esixente, disputou os seus primeiros minutos oficiais coa camiseta do primeiro equipo.

Angelito contou cunha das ocasións máis claras dos celestes ao final da primeira metade, nunha xogada que puido cambiar o rumbo do encontro. “Estaba a un metro da portería e cando fallei non o podía crer, pero coa axuda dos compañeiros todo foi mellor”, recoñeceu, demostrando autocrítica pero tamén madurez para sobrepoñerse ao erro.

O futbolista tamén fixo análise colectiva dun partido no que o Celta estivo preto de completar a remontada  tras ir perdendo 3-0. “Na primeira parte estivemos despistados, e na segunda faltounos tempo para poder remontar, pero o orgullo que sacamos para pasar do 3-0 ao 3-2 foi moi importante”, sinalou.

Por último, Arcos quixo ter unhas palabras de agradecemento para a afección, que unha vez máis acompañou ao equipo fóra de casa. “Darlles as grazas, é unha viaxe que non é fácil. Escoitábaselles a eles e non ao equipo rival”, afirmou, destacando o apoio constante da bancada celeste.

Un debut con luces e sombras para Ángel Arcos, pero que deixa unha impresión moi positiva dun xogador chamado a ter máis oportunidades no futuro.


0 comments:

Publicar un comentario