![]() |
Foto: Denis Doyle / Getty Images |
O RC Celta regresou de Vallecas cun empate (1-1) nun partido intenso e trabado, no que os celestes tiveron opcións de levar os tres puntos pero finalmente tiveron que conformarse cunha igualada. Tras o encontro, Yoel Lago valorou o esforzo do equipo e mostrouse convencido de que a liña é positiva.
“Sabíamos que ía ser un partido moi difícil, xogabamos contra un rival que nos ía apretar moito, nun campo que tamén apreta moito. Ó final creo que é un empate xusto, pero quedamos con esa mágoa de non levar os tres puntos a Vigo”, explicou o canteirán celeste, que destacou a actitude dos seus compañeiros: “O equipo tivo moita personalidade, é o que máis destaco do día de hoxe”.
O Celta golpeou primeiro cun gol a balón parado, un aspecto que o propio Yoel sinalou como clave na preparación do encontro: “Sabíamos que o balón parado ía ser importante. Fixemos un gol, puxémonos por diante, pero eles tamén teñen calidade. Nunha xogada conseguen empatarnos e logo tocou sufrir”.
A pesar da falta de triunfos, o central mostrouse confiado: “As vitorias chegarán”. Ademais, non quixo esquecer á bancada celeste desprazada a Madrid: “O da afección cada fin de semana é de auténtica locura. Só podo darlles as grazas por vir outro desprazamento máis. Que sigan así porque nós imos darlle moitas alegrías”.
0 comments:
Publicar un comentario