Unha das preguntas inevitables cada vez que un dianteiro comparece nunha entrevista ou rolda de prensa é a previsión de goles para a tempada. Borja Iglesias non foi unha excepción, pero o santiagués, xa un xogador curtido, preferiu non dar cifras e explicou que prefire gozar de cada instante, por pequeno que sexa, do seu traballo:
"Intento non centrarme nos números, porque cando era máis novo e poñía expectativas nunca acertaba. Penso máis no presente: en comprender o plan de partido para o domingo, en descansar, en desfrutar do primeiro rondo da mañá. Vivo máis liberado nese sentido, intento estar no día a día e medrar a partir de aí, porque sinto que é complicado acadar o que un pensa ao principio e prefiro evitalo un pouco", declarou o Panda na súa presentación, oficializada hai xa máis dun mes.
Preguntado polo futuro e pola posibilidade de prolongar a súa carreira ata os 38 anos, como Iago Aspas, foi claro: "Non o sei, a día de hoxe non me paro a pensalo. Síntome moi ben, a nivel emocional estou feliz e preparado para afrontar moitas cousas, e fisicamente tamén. Un aspecto acompaña o outro. Non me propoño chegar aos 38 nin aos 42 de Joaquín; simplemente quero desfrutar do día a día, e a partir de aí xa veremos. O que si é certo é que me sinto con moita forza", subliñou.
O dianteiro tamén recoñeceu que, ademais do seu apego polas cores celestes, un dos grandes motivos da súa volta foi a participación do Celta na Europa League tras lograr a clasificación o pasado ano: "Non tiña ningunha intención de perderme a tempada que temos por diante. Seríame unha ilusión enorme aínda que non tivera vivido o proceso do ano pasado, pero estando aquí, aínda máis. Da miña parte houbo un esforzo, pero tamén por parte do Celta e do Betis. Hai que ser agradecido, porque todos puxemos da nosa parte e todo saíu como queriamos".
0 comments:
Publicar un comentario