A culpa foi do meu fillo e do Gran Lebrownie. Explícome. O rapaz tomou por asalto a televisión coma quen toma a Bastilla, e nós, vencidos polo sono e a rutina, tragamos a gala do Balón de Ouro. Un circo mediático disfrazado de fútbol. Nada novo baixo o sol. Pero a cousa torceuse cando premiaron a Luis Enrique, e este, entre agradecementos e postureo, nomeou a Luis Campos. Si, ese mesmo. O asesor externo que prometía revolución e deixou un solar.
A miña cara cambiou coma quen ve ao demo en misa.
Manda carallo na Habana, diría miña avoa. Luis Campos eloxiado en público... a min dábame denteira. O mesmo tipo que -estúpido de min- defendín con fe cega. O mesmo que seguimos intentando borrar da nosa memoria e dos nosos 'balances contables' (as comillas son a miña boa obra do día). Esa foi a primeira ferida.
A segunda culpa foi do Gran Lebrownie. No podcast, con voz firme e mirada de francotirador, díxome que o mercado non fora tan bo como eu pensaba. Eu, elegante coma un diplomático, defendín a Garcés.
El, elegante coma un verdugo, díxome que non. Que aí o levas. Espabila.
Equivoqueime. Detractores, afilade coitelos. Extraédeme o fígado e facede foie-gras celeste. Acompañádeo cun chianti e brindade pola miña caída. Incluso podedes pedir cocido coa miña cacheira. Merecido.
A escusa Mariana nos últimos anos é que pagamos os caprichos precisamente do mencionado Campos: Benítez Bamba, Manu, DJ Cervi... e claro, non hai fichas libres. Non hai cartos. Non se pode investir. A coletilla perfecta.
A escusa, esa palabra prostituída, usada coma trapo vello para tapar vergoñas. Pero se tiramos de histórico a propiedade do clube e sen dúbida campiona mundial en escusas: O club debe ser autosuficiente: escusa. Non hai marxe pola normativa financeira: escusa. Proxecto Celta 360 e Cidade Deportiva: escusa. Mercado inflado e prezos fóra de lóxica: escusa. Incerteza económica global: escusa. O club xa está en venda: escusa. Prioridade: saneamento e beneficios: escusa. Modelo de canteira: escusa. Conflitos institucionais: escusa.
Non se fala do balance neto de case 85 millóns de beneficios netos en traspasos de xogadores nos ultimos seis anos. Nin das autofacturacións. Ao mellor se a xente soubera disto.. o das escusas frouxeaba inda máis.
Centrándonos no presente: O Celta ten un problema de confección. Un problema de aúpa. Tan evidente coma unha vía de auga nun barco en tormenta. Claudio, por honra, queda fóra da ecuación. Quen afrouxou os parafusos? Canta man tivo Claudio? Probablemente pouca. Qué nomes manexaba? Que pezas non apareceron? (lateral dereito, o gol que tan caro é).
Non busquemos milagres nin igrexas futbolísticas.
Coma sempre, o de sempre. Por prestacións queda claro. Fixemos un mercado falso. Pedín catro ou cinco datas para comprobar a 'performance' de equipo. E o resultado é atronador. Ogallá me trabuque.
Outro ano máis de obxectivo salvar categoría. A salvación. Coma recén ascendidos, coma sacerdotes pastoreando pecadores. A salvación, como canta Arde Bogotá: íntima e feroz. E diso se trata: de salvarse. Non hai outro obxectivo. O resto son escusas. E de escusas nos ultimo vinte anos, en Príncipe, hai quen sabe moito.
0 comments:
Publicar un comentario