O Celta promete maior presencia do galego nas súas comunicacións



O Celta anunciou onte unha reestruturación nas súas contas en redes sociais, eliminando a conta creada para comentar especificamente en galego, que agora pasa a ser @XuntosRCCelta, "unha novoa canle de comunicación destinada a achegar, aínda máis, o club á afección celtista". Ademais, prometen maior presenza do galego na conta xeral do club @RCCELTA. A continuación, o comunicado emitido polo club vigués.

Celeste e branco. Afouteza e corazón. O RC Celta naceu para representar a Galicia, aos galegos e ás galegas, na nosa terra ou na diáspora. Agora, como único club galego presente en LaLiga EA Sports, o club vigués ten, máis que nunca, o deber de cumprir cun mandato que emana dos mesmos piares fundacionais da entidade: abanderar Galicia no fútbol e sociedade.

Esta responsabilidade abrangue a representación, pero tamén a difusión e defensa dos nosos sinais de identidade, entre os que destaca a nosa lingua, o galego. Neste sentido, o papel do RC Celta torna máis importante, se cabe, ante os datos reflectidos polo último informe do INE sobre uso do galego, lingua cooficial, en Galicia: o emprego do castelán supera ao do galego por primeira vez na historia.

Neste contexto, o RC Celta decidiu recuperar o peso perdido pola lingua galega na conta principal do club na rede social X (anteriormente coñecida como Twitter), onde volverá a coexistir co castelán de forma harmónica e natural. A conta @RCCelta ofrecerá contidos tanto nunha lingua como na outra, tendo sempre presente o deber histórico do club na difusión do idioma galego.

Como consecuencia a esta decisión, o RC Celta di adeus ao perfil de X (Twitter) en galego, @RCCeltaGL, para dar paso a @XuntosRCCelta, unha nova canle de comunicación destinada a achegar, aínda máis, o club á afección celtista.

O novo perfil do RC Celta nace co obxectivo de ser un nexo de unión estreito entre o club e a comunidade celeste, especialmente a máis cercana. Un espazo onde as peñas celtistas, e os afeccionados en xeral, terán un papel destacado.

Ademais, @XuntosRCCelta servirá como liña directa de comunicación cos celtistas para a resolución de dúbidas, incidencias e outras cuestións, apoiando a importante labor que xa realiza o servizo Escoitamos. Tamén informará de todas as actividades presenciais organizadas polo club que podan ser de especial interés para o celtismo en Galicia.

O club seguirá traballando intensamente nesta estratexia de achegamento ao afeccionado. Un obxectivo, a conexión co celtismo, de importancia capital para o RC Celta. 

0 comentarios:

Publicar un comentario