Maxi Gómez e Aspas, premiados na Gala do Fútbol Galego


A conselleira María José Táboas recibe un dos galardóns (Foto: RC Celta) 
Iago Aspas non deixa de sumar recoñecementos. A Real Federación Galega de Fútbol concedeu ao dianteiro celeste a Medalla de Ouro ao Mérito Deportivo, un gran galardón co que o estamento do fútbol galego recoñece a tempada sobresaliente do xogador, na que sumou o seu terceiro Trofeo Zarra consecutivo, así como toda a súa traxectoria futbolística.

Non foi o único protagonista céltico na gala. No apartado dos Premios Galicia en Goles, da Radio Galega, Maxi Gómez foi galardoado como Mellor Xogador do RC Celta 2019/20 e Iban Salvador, atacante do Celta B, como máximo Goleador dos equipos galegos da 2ªB (ex aequo con Manu Justo, do Coruxo FC).

Debido a diferentes circunstancias, os xogadores celestes non puideron acudir a recoller o premio. María José Táboas, conselleira do RC Celta, foi a encargada de representar aos célticos na entrega de galardóns.

Ademais, o periodista Xaime Escudeiro, voz do RC Celta durante anos na Radio Galega, recibiu un recoñecemento especial. Tamén o ex porteiro celeste Manuel Pazos, a título póstumo, un cambadés que fixo carreira no club vigués, Real Madrid, Atlético e Elche.

RC Celta

0 comentarios:

Publicar un comentario