O Celta fará a pretempada en Galicia


A conta atrás para a volta ao traballo do primeiro equipo comezou. Os xogadores regresan este luns 9 de xullo ás instalacións deportivas da Madroa para iniciar unha pretempada na que Galicia será a gran protagonista.
Ao contrario que outros anos, nos que o groso da preparación estival do equipo tivo lugar en lugares como Marbella, Austria ou Inglaterra; o RC Celta quedará nesta ocasión na comunidade galega, a súa casa, na Madroa, Illa da Toxa e Portonovo, lugares únicos que cobren con garantías todas as necesidades do persoal e o corpo técnico nesta esixente primeira etapa do ano deportivo.
A Madroa vivirá o pistoletazo de saída o luns 9 de xullo pola mañá. Aí, nas instalacións célticas, o equipo exercitarase durante unha semana, ata o domingo 15 de xullo, día no que o cadro vigués iniciará a concentración na Toxa.
O “Hotel Eurostars Isla de La Toja” será o cuartel xeral dos de Antonio Mohamed durante nove días nos que o equipo desenvolverá a súa actividade diaria na illa e a súa contorna: traballo de campo no estadio do Portonovo SD (Campo de Baltar), actividade física sobre area nas inigualables praias da zona, ximnasio no hotel…
O día 23 de xullo é a data sinalada para regresar a Vigo onde, fóra dos desprazamentos puntuais a Portugal e Inglaterra para disputar partidos amigables, o equipo permanecerá ata o inicio dunha nova e emocionante tempada.
A realización da pretempada do RC Celta en Galicia responde a unha aposta da entidade viguesa por pór en valor as virtudes e potencial extraordinarios da comunidade galega. O RC Celta proponse proxectar nacional e internacionalmente tanto a súa propia marca como a de Galicia, ambas historicamente ligadas desde o mesmo nacemento do club celeste hai 95 anos.

CALENDARIO CONFIRMADO PRETEMPADA 2018
09/07 – Inicio da pretempada na Madroa
15/07 al 23/07 – Concentración en A Toxa
23/07 – Regreso a Vigo
27/07 – Amigable SC Braga-RC Celta (20:30 hora local, Braga)
01/08 – Amigable Southampton-RC Celta (19:45 hora local, Southampton)
04/08 – Amigable Fulham-RC Celta (15:00 hora local, Londres)

0 comentarios:

Publicar un comentario