Carta aberta a Carlos Mouriño: Unha alternativa á venda do Celta


Foto: Atlántico Diario
Hai uns días publicábamos unha carta que nos fixo chegar Suso García Novoa na que se plantexaba unha alternativa á venda por parte de Carlos Mouriño. A carta tamén se publicou no Faro de Vigo, e agora chéganos unha segunda alternativa na que Suso, acompañando nesta ocasión por Miguel Rodelgo Pérez, propoñen ó máximo accionista do Celta a doazón das accións a unha fundación. 


O 28 de setembro pasado, o FARO DE VIGO e moiceleste.com publicaron unha carta aberta ó Sr. Carlos Mouriño onde propoñiamos dous escenarios en relación ó Celta, un preferente onde lle pediamos que se quedara á fronte do equipo e, como alternativa, si quería desfacerse dos títulos, plantexábamos que nos vendera ós afeccionados a súa parte do accionariado a un precio razoable.
Esgrimía tamén que o Celta é un dos signos de identidade desta cidade (como poden ser o porto, as Cíes, ou mesmo a ría) e como tal forma parte do seu patrimonio sentimental e vital. Polo que xa estamos a falar de moito máis que dunha sociedade anónima deportiva.
De feito, así o recoñecía o Sr. Mouriño nunha entrevista de FARO DE VIGO o 6/9/2015 do que acotamos textualmente un parágrafo: "Mira, a mí no me gustaría que nadie de fuera viniese a hacerse cargo del Celta, pero yo no sé cuánto tiempo voy a estar. No estoy en el Celta pagar ganar dinero. No entra en mi cabeza. Para eso están las empresas, que no tienen un club ni una ciudad detrás?."
Hoxe despois de reflexionar, e escoitar a xente que coñece e ama esta cidade, quixeramos plantexar outra alternativa: poñer a titularidade das accions nunha Fundación que garanta o vínculo permanente co deporte e coa cidade, na que o Sr. Mouriño -ou quen el designase- quedaría como patrón (auxiliado por un patronato con persoas relevantes da cidade).
Sr. Mouriño, anímese a pasar á Historia como un gran benefactor de Vigo, como no século pasado foron dous homes ilustres chamados D. José García Barbón ou D. José Policarpo Sanz Souto, que despois de retornar da emigración de América deixaron importantes legados como a Escola de Artes e Oficios ou o teatro que leva o nome do primeiro; ou importantes donacións para construir o Hospital Municipal ou o Instituto Santa Irene no caso do segundo. Tampouco podemos esquecernos de D. Fernando Quiñones de León que, despois da morte prematura do seu fillo, donou o pazo ó pobo de Vigo coa condición de que fora museo e parque público.

Asinado: Suso García Novoa e Miguel Rodelgo Pérez 

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada