Carta aberta do Colectivo Nós a Mouriño sobre a venda do Celta


Foto: Salvador Sas
O Colectivo Nos fixo onte público un comunicado no que rexeita a posible venda do clube a un grupo de inversiçon estranxeiro, lamentando tamén o mutismo do clube ante as informaciones xurdidas dende diferentes medios de comunicacións. Califican a venda das accións de Mouriño como un “triste epílogo ao que podería ser recoñecido como o mellor presidente da historia do clube” por ir contra “os valores que defendeu durante a década que estivo ao fronte do clube”, apuntan, pedindo a Mouriño que “non entenda o Celta como un negocio máis”.  

A continuación o texto íntegro: 


Ante as novas que están saíndo últimamente nos medios de comunicación, nas que dase case por feita a venda á un grupo de inversión estranxeiro das accións que posúe o presidente Carlos Mouriño, que ten a maioría do capital social do Real Club Celta, dende o Colectivo NÓS queremos amosar o noso maior descontento e rexeitamento a esta operación así como ao mutismo total dende o clube.
Se ben sabemos que o dono das accións está no seu dereito e pode vendelas en calquera momento como propietario que é, non estamos dacordo en que esta venda se produza a fondos de inversión alleos, polo que o noso rexeitamento non radica na venda, senón en a quen se vende.
De confirmarse tal nova, sería un triste epílogo ao que podería ser recoñecido como o mellor presidente da historia do clube. Iría contra os valores que defendeu durante a década que estivo ao fronte do clube, na que a identidade do clube coa cidade de Vigo en particular e con Galiza en xeral, foi un dos pilares que acompañou a sua política de marketing durante estes anos.
Dende o Colectivo NÓS non podemos aceptar que se entenda o Celta coma un simple negocio no que rendabilizar unha inversión e se esqueza a parte pasional e a parte da afección que estivo en datas anteriores, está no presente e seguirá estando nun futuro veña quen veña. Esa xente é o verdadeiro activo do Celta e, aínda que non é a que da rendementos económicos, é a que lle da vida. Esa xente que non sabe de gañar cartos có clube senón que os pon do seu peto para chorar, rir, saltar, berrar e viaxar acompañando ao seu equipo. Esa xente somos NÓS os siareiros. Non se entende un equipo de fútbol sen os seus siareiros e a sua identidade territorial, ou polo menos NÓS non queremos entendelo así.
Señor Mouriño, se quere marchar do Celta, fágao, está no seu dereito dese merecido descanso, e NÓS agradecerémoslle o seu traballo durante esta década, pero non deixe ao clube en máns alleas, non entenda o Celta como un negocio máis, non xogue coas ilusións de milleiros de persoas. Faga o posible e o imposible para que ese paquete accionarial quede en máns galegas aínda que a operación non lle sexa tan rendible. Sabemos do que é capaz e que cousas máis imposibles acadou en datas piores.
Queremos un futuro dono do Celta que sufra e se alede con NÓS polos logros acadados no terreo de xogo e non nas contas bancarias, un dono que se alede con NÓS cada vez que debuta un rapaz da nosa canteira, alguén que cando lle berremos “¡¡¡MANDA CARALLO!!!” saiba do que lle estamos a falar.
Reflexione: de vostede depende. Que esa faixa de agradecemento pendurada dende a bancada de Río na pasada tempada permaneza como eterna nas nosas lembranzas.

0 comentarios:

Publicar un comentario