Por que non Pape?



A pobre imaxe amosada polo Celta o pasado luns no seu debut ligueiro ante o Leganés deixa moitas interrogantes enriba da mesa. Unha delas comezou a xestarse xa ao mediodía, coa convocatoria, e acentuouse aínda máis co desenvolvemento do encontro. Por que non Pape Cheick? Cal foi a razón da súa ausencia na lista? Por que trala súa notable pretemporada viu o primeiro partido do curso dende a bancada?

Son cuestións que debería contestar Berizzo. Evidentemente, os seus argumentos terá. Posiblemente imaxinaba un partido distinto, cun Celta moito máis dominador e moito máis incisivo do que realmente foi. Quizáis intuía tamén un Leganés menos agresivo e perigoso ao contraataque. Por todo iso, prescindiría do canteirán a pesares de que Radoja non estaba dispoñible e o Tucu non ía ser titular. Consideraría que serían máis necesarios os futbolistas de última liña, máis cercanos ao área coma Señé ou Naranjo.

O certo é que o partido amosou a un Celta moi partido cun 4-2-4 que o Leganés soubo interpretar ben para facer dano á defensa celeste. Durante o primeiro tempo, os vigueses tiveron o balón, mais sen excesivo perigo. No segundo, o descontrol fíxose dono do partido e o mediocampo converteuse nun correrrúas onda a pelota apenas ficaba un par de segundos. Nun periodo e noutro, a figura de Pape Cheick puido ser importante para os intereses locais. Especialmente no tramo final, cando o xogo era caótico e a medular celeste estaba formada por Tucu, Orellana e o recén ingresado Señé. Berizzo, coma outras veces, apostou por acumular homes de área coa saída do catalán e anteriormente de Guidetti, cando o partido posiblemente esixía máis control na zona central. Non funcionou.

Durante o verán, as contínuas loubanzas de Berizzo á figura de Pape facían intuir un maior protagonismo do canteirán no primeiro equipo para a temporada que acaba de comezar. Superior por supusto ás aparicións residuais do curso pasado, algunhas incluso coma lateral dereito. Porén, en todas elas, o senegalés amosou nivel de abondo para competir na Primeira División. Moitos recordan a súa participación ante o Valencia que foi chave para acadar unha difícil vitoria en Mestalla. Nesta pretemporada, confirmouse o que xa se intuía anteriormente: Pape está para axudar.

Non o viu así Berizzo o pasado luns. É sabida a dificultade do técnico arxentino para confiar nos máis novos. Dende a súa chegada, únicamente un Santi Mina que xa era membro da primeira plantilla entón, tivo minutos con asiduidade. O resto, protagonismo mínimo e case sempre limitado á Copa do Rei. Pape semella ser un caso algo diferente. Xunto con Borja Fernández foi o canteirán predilecto do Toto dende a súa chegada. Intúese que o cordobés ve algo especial nel, pero non termina de darlle toda a confianza que, polo amosado ata o de agora, seguramente mereza. Ante o Leganés tivo novamente unha oportunidade e non se atreveu. Veremos se é algo esporádico e Pape adquire un rol relevante no futuro do Celta, ou se por contra, como aconteceu con Borja Fernández, as verbas caen no esquecemento e as boas intencións de pretemporada quedan na bancada.

0 comentarios:

Publicar un comentario