Diego Mariño: "Xogar no Celta segue sendo o meu gran soño"


Foto: Gonzalo Arroyo Moreno
O vigués Diego Mariño acaba de mudarse de Valencia a Xixón. Tralo descenso sofrido co Levante aceptou a oferta do Sporting, co que manterá o seu soño de seguir en Primeira División. Este mércores pasou polos micrófonos da Radio Galega, no programa Galicia en Goles, no que falou da súa decisión de fichar polo Sporting e, como non, do equipo da súa cidade: O Celta. 

Con respecto á tempada pasada explicou que “descender co Levante foi moi duro. Foi un ano moi difícil, hai que aprender dos erros cometidos. Tiña pensado seguir en Valencia, pero apareceu a chamada do Sporting e fíxome trocar todo. O Levante portouse moi ben e accedeu”, suliñou. 

Despois de xogar durante varios anos na canteira do Villarreal, Mariño pasou ó Valladolid, onde sofriu un descenso a Segunda. De Valladolid pasou ó Levante, onde xogou dous anos, caendo a segunda de novo a pasada tempada. A pesar de que o Celta leva varios anos sondeando o mercado de porteiros, e despois de que se relacionase a varios gardamallas este ano, o nome de Diego Mariño segue sen relacionarse co equipo da súa cidade. 

Con todo, Mariño non perde a ilusión de xogar algún día: “Ogallá algún día chegue a oportunidade de xogar no Celta. Segue sendo o meu gran soño”, resaltou, pero recoñeceu que agora mesmo o equipo vigués non precisa porteiro: “O Celta ten a portería ben cuberta. Sergio está a un nivel moi alto e Rubén tamén. Creo que o Celta non debería buscar porteiro”, analizou o vigués. 

0 comentarios:

Publicar un comentario