[Debate] Qué papel faría Galicia na Eurocopa?


Foto: EFE
Hoxe imos facer un exercicio de fútbol ficción. Onte xogouse a segunda semifinal da Eurocopa, que nos deixa unha final entre Portugal e Francia. A competición está a punto de rematar e a todos nos quedou a sensación de que esta foi unha das edicións máis grises deste campionato, que xa conta con máis de 50 anos de historia. 

Seleccións chamadas “cincentas” como Islandia ou Gales, que debutaban nesta edición por mor da ampliación a 24 participantes, acabaron dando a sorpresa, e outras como Albania, tamén debutantes, renderon moi por enriba do que se podía pensar antes de comeza-lo torneo. O caso de Islandia foi especial, xa que foi capaz de tumbar a Inglaterra. Un país formado por pouco máis de 300.000 habitantes, case coma Vigo, deixando fora do campionato aos inventores deste deporte. 

Á vista do sucedido neste campionato, das sorpresas que houbo e do baixo nivel mostrado por seleccións teóricamente potentes, súrxeme a dúbida de como sería a actuación da selección galega no caso de poder participar neste torneo. Galicia xogou un amigable diante de Venezuela, que aínda que chegou á Coruña fora de forma e con moitas ausencias, alcanzou as semifinais da Copa América. Naquel partido, a selección galega non amosou ser pior que Venezuela, máis ben ao revés. 

Vendo aquel equipo, con Iago Aspas, Lucas Pérez, Denis Suárez e compañía, un pode chegar a pensar que o papel que faría  Galicia na Eurocopa posiblemente fose máis que digno. Estou convencido de que se clasificaría na tradicional fase de grupos de clasificación para a fase final, porque non hai 24 seleccións mellores que ela en toda Europa, pero xa en Francia gustaríame saber que sería capaz de facer. 

Queremos tamén coñecer a vosa opinión. Qué creedes que faría Galicia na fase final da Eurocopa? Chegaría lonxe ou caería ás primeiras de cambio? Podería dar a sorpresa como fixeron Islandia ou Gales? Coñecería toda Europa hoxe a Iago Aspas? Coma sempre, gracias a todos por participar.

0 comentarios:

Publicar un comentario