Bo día das letras galegas


O poeta Manuel María
O Celta ven de felicitar aos seus siareiros no día das letras galegas, festividade que se celebra cada ano, e que nesta edición está adicada ó poeta e escritor Manuel María. O clube, a través das redes sociais, adica un breve estracto dun dos poemas máis famosos e fermosos do poeta de Outeiro de Rei, titulado “A fala”. 

"O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade" 

Dende Moiceleste tamén queremos felicitarvos a todos neste día tan importante para a nosa lingua, especialmente a aqueles que o empregades a cotío, que criades ós vosos fillos ensinándolle esta língua, e agradecendo a todos aqueles que ó longo das últimas décadas mantiveron vivo este idioma, a pesares de  non falar un galego normativo. A todos eles, e a todos vos, grazas e parabéns. A seguir, o poema de Manuel María ó completo: 

O idioma é a chave
con que abrimos o mundo,
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós,
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
máis grande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte de que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

0 comentarios:

Publicar un comentario