Sergio Álvarez: "Que asubíen ó final e animen durante o partido"


Foto: Marta Grande
Esta mañá foi o gardamallas Sergio Álvarez o protagonista na rolda de prensa posterior ó primeiro adestramento da semana, previo ó encontro que disputará o Celta o domingo no Sánchez-Pizjuán fronte ó Sevilla. O porteiro titular do Celta falou do último partido fronte a UD Las Palmas, a súa actuación, e mailos asubíos o seu compañeiro Pablo Hernández por parte dun sector da afección.

Sergio confirmou na rolda de prensa que "cada semana no primeiro adestramento sempre se fala do partido", deixando claro que o principal no vestiario é intentar non repetir os erros desta pasada fin de semana e que "hai que seguir para adiante, sabíamos que isto non sería un camiño de rosas".

O porteiro opina que "o equipo fixo bo partido os primeiros 25 minutos, pero tralo primeiro gol deles estivemos un pouco peor. Na segunda parte igual, comezamos ben pero o equipo non estivo ó seu mellor nivel cando eles meteron gol", resumindo o encontro declarando que "non soubemos manexar os tempos do partido". Máis aínda cando por terceiro partido consecutivo o Celta xogou con superioridade numérica, "pero os partidos hai que disputalos e todos son complicados, sabíamos que non sería doado. Hai que valorar ese punto, levamos 7 de 9, non todo vai ser negativo, pero o empate é tamén unha espiña cravada. Temos gañas de que chegue o seguinte partido para demostrar que estamos ben e seguir pelexando".

No terreo personal, tras encaixar 3 goles, Sergio declarouse "contento" co seu partido pero "non completamente satisfeito, podería haber feito algo máis, despois de ver e analizar os partidos sempre atopas solucións para facelo máis doado, traballarei para corrixir os meus erros".

Sobre a polémica dos asubíos Sergio móstrase claro, "a afección é libre de expresarse, é fundamental o apoio da afección para que o equipo esté onde está agora, nunha situación boa. Sen dúbida necesitamos ese apoio como sempre os sentimos estes anos, sempre detrás de nós apoiando". De tódolos xeitos, o de Catoira tamén pensa que eses asubíos "foron dunha minoría que quixo expresar a súa opinión, pero mellor que o fagan ó final do partido, e se pode ser, que durante o partido animen".

Tamén tivo palabras o porteiro titular deste ano para o comunicado que onte pubicou o clube na súa web oficial, "non son quen para valorar esas cousas, se o club ve convinte facer un comunicado o apoio", deixando tamén claro que a pesar de ser Pablo Hernández o centro das críticas recibidas, "cando os pitos van para un compañeiro tamén afecta ó resto de nós, cando culpas a un compañeiro culpas a todo o equipo".

Xa en canto o seguinte partido ligueiro, o de Catoira rematou a súa intervención en rolda de prensa eloxiando o próximo rival, o Sevilla, "ten un gran equipo, hoxe xogan Champions, e a circunstancia de que aínda non gañaran en Liga quere dicir que é unha liga competitiva. Temos que ir alí a facer o noso partido e que non estean cómodos. Eles teñen ese ansia de acadar a primeira vitoria e temos que xogar con iso. O equipo terá que estar ó seu mellor nivel para acadar algo positivo".

0 comments:

Publicar un comentario