Na busca do mellor Hugo Mallo


Foto: Ricardo Grobas
Comentaba onte Hugo Mallo, nunhas declaracións á Axencia EFE, que confiaba en comezar mellor esta tempada, a nivel físico. As lesións cebaronse co de Marín, que non puido face-la pretempada en condicións os dous últimos anos, senón que as fixo recuperándose de senllas lesións producidas na recta final do curso anterior. O propio Hugo resltaba este detalle: “Creo que esta tempada comezarei mellor físicamente. A miña ilusión é que se vexa o Hugo Mallo de antes da lesión do xeonllo, de que se vexa a miña mellor versión”. 

E non é pouco. Naquela época Vicente del Bosque viu en directo varios encontros. Moitos apuntaron a que seguía as evolucións de Iago Aspas, pero co tempo soubose que a quen seguía realmente era a Hugo Mallo. Logo chegou a lesión, o seu affaire na grada de Riazor, e foi esquecido polo salmantino, pero aquelo fala do excelente nivel alcanzado por un xogador que non deixaba de medrar ano a ano. 

Despois cústoulle máis. Hugo Mallo sempre se caracterizou por ser un xogador diésel. Entraba frío ós primeiros partidos de cada tempada, pero ía collendo temperatura co paso das xornadas ata chegar a un nivel extraordinario a partir do mes de novembro. O problema é que nos dos últimos anos, a esta característica do xogador uníase unha pretempada por debaixo do cen por cen. E non foi o mesmo. 

Agora xa non ten excusa. O talento e a clase sabemos que o ten, que está aí, non precisa demostrar nada, pero este é o ano para demostrar que pode seguir medrando, e que ao que xa coñecemos del, pode engadirlle novos e ricos matices que agranden aínda máis a súa figura. A mellor versión de Hugo Mallo non é pouco, falamos de ter un dos mellores laterais dereitos da Liga. Quén non quixera esta versión? 

0 comentarios:

Publicar un comentario