Redúcese a distancia entre Balaídos e o Ángel Carro


A chegada de Toni Otero a Lugo pode avivar as relacións existentes entre Lugo e Celta, que xa eran boas anteriormente, pero que agora poden ser aínda mellores. A pesares dos rumores surxidos nos últimos anos, o certo é que tan só Yoel foi cedido polo Celta ó Ángel Carro, algo que pode cambiar nas vindeiras datas a pouco que Otero aproveite o seu coñecemento da canteira viguesa para pescar xogadores en calidade de cedido que lle poidan resultan máis que interesantes. 

Sen ánimo de converter ó Lugo nunha sucursal do Celta, porque non o é nin o será, o cadro branco e vermello pódese aproveitar desta relación acadando xogadores salientables para o seu plantel, e tamén o Celta, que ve así a posibilidade de darlle minutos a aqueles xogadores que non dispoñen deles no primeiro equipo, casos de Madinda e David Costas, como os máis claros nestes intres. 

Claro que iso será decisión de Toni Otero, que terá que valorar o que é mellor para o seu novo clube. En Lugo están facendo as cousas moi ben dende fai anos, pero a chegada dun novo presidente, na figura de Tino Saqués, e de xente nova á parcela deportiva e o banquiño, poden xenerar certas dúbidas que deberán zanxar canto antes as novas cabezas visibles do emblemático clube lucense. 

En Vigo considerase ó Lugo un clube amigo, co cal estreitar lazos e a presenza de Toni Otero na cidade das murallas fará que aumenten e melloren as relacións nos vindeiros anos e vexamos a moitos xogadores emprende-la ruta que une Balaídos co Ángel Carro.


P.D: Empregamos a forma castelá do nome para referirnos a Ángel Carro, xa que ese era o nome deste personaxe, e tamén é o nome oficial do estadio. Igual que aqueles que vos chamades Xurxo, sodes Xurxo aquí e na china popular, como diría o outro. 

0 comentarios:

Publicar un comentario