Valoración fin de tempada: os xogadores


Foto: EFE

Hai sete días que rematou para o Celta a tempada 2014-15. Unha campaña intensa, emocionante e de regusto doce para o paladar celtista. O equipo vigués acadou sen maiores dificultades o obxectivo primordial da permanencia e aínda tivo tempo de abondo para amarrarse á loita por Europa. Chega o momento de valorar o ano e por as notas de final de curso.

MVP: Nolito

Xogadores como Krohn-Dehli, Orellana, Jonny ou Cabral ben poderían optar a esta condecoración. Porén, negarlle o premio a Nolito sería enormemente inxusto. O gaditano presenta unhas cifras estratosféricas nun equipo como o Celta. Anotou 13 goles e repartiu 13 asistencias. Dobres díxitos para o home máis determinante do equipo. Das súas botas saíron directamente 16 puntos. Ademais, foi decisivo para superar a mala xeira de inverno e salvar o pescozo ao seu adestrador. A mellor fichaxe do verán sería retelo no plantel.

Revelación: Augusto Fernández

Se hai un punto de inflexión na tempada para o Celta, ese é o partido ante o Córdoba en Balaídos. Berizzo, ao borde da destitución, decidiu situar a Augusto como mediocentro defensivo ante os problemas físicos dun Radoja esgotado. O experimento saiu ás mil marabillas e o futbolista arxentino converteuse en pieza básica do futuro despegue do equipo. Sacrificio, intensidade, sentido táctico e bo criterio coa pelota. Un éxito rotundo.

Decepción: Álex López

Un ano máis, a tempada de Álex López rematou por debaixo das expectativas. O futbolista de Ferrol comezou o curso coma titular, pero foi perdendo peso paulatinamente ata quedar relegado aos minutos residuais. Ben é certo que foi vítima do empecinamento de Berizzo con Pablo Hernández. O técnico arxentino sacouno do once no seu mellor momento para intentar colocar á súa fichaxe. Porén, o chileno rematou a campaña a mellor nivel co galego, quen por primeira vez dende a súa chegada a Vigo comeza a valorar a posibilidade de saír. 

Mellor fichaxe: Radoja 

Dentro do bo nivel xeral das fichaxes, o serbio Nemanja Radoja sobresae claramente. Larrivey, cos seus 11 goles, tamén podería optar ao posto. Non obstante, 7 deses tantos foron anotados nos tres primeiros meses de competición. O rendemento de Radoja, porén, foi moito máis regular. Só unha pubalxia apartouno das xornadas finais. Ata entón sorprendeu a todos co seu bo sentido táctico, a súa intensidade na presión e un máis que aceptable manexo da pelota. 

Peor fichaxe: Pablo Hernández

Decepcionante ano do Tucu Hernández, fichaxe estrela do verán e cuxo nivel estivo moi por baixo do esperado. Amosou destellos da súa calidade, mais nunca coa regularidade necesaria. Fáltalle todavía adaptarse ao ritmo europeo, moito máis frenético que na liga chilena. Mellorou durante o final de tempada, pero non o suficiente como para xustificar o desembolso feito por el. Coa marcha de Krohn-Dehli, debe dar un paso cara adiante a campaña que vén. 


VALORACIÓN UN POR UN:


Sergio (6): actuacións que deron puntos e algúns erros que tamén os perderon. De máis a menos.

Hugo Mallo (6,5): en línea ascendente, como é habitual. Espectaculares marcaxes a Neymar.

Fontás (7): onde nace cada xogada. Gran parella con Cabral.

Oubiña (-): triste adeus dende a bancada.

Pablo Hernández (4): a outro ritmo. Decepcionante.

Radoja (7): notable ata que a pubalxia puido con el. Unha grata sorpresa.

Santi Mina (7,5): lamentou o final de tempada. Unha realidade.

Álex López (4): outro ano sen explotar. Preocupante.

Charles (5): cumpriu nas poucas oportunidades que tivo. Non deu excesivos motivos para ser titular.

Nolito (9): o mellor. Decisivo.

Larrivey (6,5): comezo espectacular e declive posterior. 11 goles en liga e un en Copa.

Rubén Blanco (-): cumpliu na Copa. Sen oportunidades en liga.

Orellana (8): o seu mellor ano de celeste. Compañeiro de fechorías de Nolito.

David Costas (-): fóra de sitio na Copa. Notable ante o Sevilla na súa aparición na liga.

Madinda (-): sen oportunidades. Non desentonou no pouco que xogou. 

Bongonda (4): moi novo, pero demasiado caro como para ofrecer tan pouco. Espérase máis o ano que vén.

Jonny (8): camiño da internacionalidade. Unha xoia.

Sergi Gómez (6): nin sobresaliente nin suspenso. Sempre aseado.

Planas (5): forte competencia no lateral. Cumpriu ata a lesión.

Cabral (8): o xefe da defensa. Brillante.

Krohn-Dehli (8,5): despedida por todo o alto. Maxia nas botas.

Augusto Fernández (8,5): o descubrimiento do ano. Espectacular coma mediocentro.

Borja Fernández (5): aprobado no seu primeiro ano cos maiores.

Borja Iglesias (-): apenas dez minutos no Sánchez Pizjuán.

Samu Araujo (-): bo debut na Copa en San Mamés.

0 comentarios:

Publicar un comentario