Álex López: "Hai que seguir traballando para cando toque xogar"


Foto: Jorge Landín
Álex López foi un dos máis sacrificados nas últimas xornadas. Logo de San Mamés perdeu a titularidade e diante do Granada foi o segundo troco para o medio campo por detrás de Augusto. O centrocampista mantén a súa ambición e quere demostrarlle co seu traballo a Berizzo que ten un sitio como titular. Mentres, sinala que o máis importante é respectar aos que xogan e aos que non.

-¿Como levou o de ser o segundo troco o sábado?
-Cando estás no banquillo sempre tes ganas de saír, pero a decisión tómaa o míster e a nós o que nos toca é acatala, respectala e estar preparado para cando che toque.

-O primeiro troco foi Augusto Fernández, que entrou no medio campo.
-Cando entran xogadores na túa posición, a todo o mundo nos fastidia. A todos nos fastidia non xogar, non ter os minutos que queres, pero sobre todo hai que ter respecto polos que xogan e polos que non xogan, porque o fútbol da moitas voltas. Hai que seguir traballando para estar preparado para cando che toque xogar. O importante é facer cambiar de idea ao míster, que vexa que cando non che toca xogar, téntalo facer o mellor posible para estar no once. A todos nos fastidia non xogar, pero eu traballo todos os días para xogar de titular e toca apretar aínda máis.

-¿Está máis caro ca nunca xogar no trivote?
-Xa se sabía que ía ser unha zona moi poboada, con moitos xogadores, pero o importante é que somos diferentes. Creo que o míster tamén pode aproveitar iso, pero moito mellor, porque a competencia faranos mellores a todos e tamén o equipo medrará.

-¿Como enxuiza a súa actuación ata o de agora?
-Estou contento co traballo que fixen. Creo que vou de menos a máis a pesares de que penso que fixen bos partidos a principio de tempada. Pero non me conformo, son unha persoa ambiciosa, quero seguir mellorando, creo que no último partido que xoguei de titular fixen un bo partido, ante o Levante nos minutos que tiven tamén, e quero tentar mellorar os meus rexistros e seguir con confianza cando me toque xogar.

-¿Saíu do equipo cando mellor estaba?
-Non hai que baixar os brazos, isto é futbol e hai que seguir traballando. O mais importante é que o club estea nunha situación boa, que siga medrando e que poidamos pelexar por obxectivos importantes. Creo que hai equipo.

-Apostaba antes de empezar a Liga por xogar 30 partidos, ¿segue a pensar o mesmo?
-A miña idea eran os 38 e agora estou coa mesma idea, ser ambicioso, tentar xogar o máximo de partidos posibles, ter minutos e sobre todo facelo ao mellor nivel.

-A medida que medra o equipo hai menos minutos para a xente da canteira.
-No plantel hai moitos xogadores que saíron da canteira, pero é normal. O equipo vai medrando e se quere pelexar por cotas máis altas, fíchase a xente de fóra. Aquí estamos todos para sumar. O importante é facer unha boa mistura e eu creo que neste equipo témola.

0 comments:

Publicar un comentario