A Copa das alegrías


Foto: Xoan Carlos Gil  
A Copa do Rei é unha competición que os equipos encaran de tres xeitos diferentes, dependendo doutros factores como a presenza en competicións europeas ou a súa clasificación na liga, por exemplo. Estas tres maneiras de actuar por parte dos adestradores no torneo nacional da eliminación son as seguintes: Ir a por todas, facer un papel digno ou case “buscar” a eliminación nas primeiras de cambio. 

Hoxe en día, a hexemonía instaurada polos tres grandes do fútbol español (engado ao Atlético, vixente campeón copeiro) deixa ao resto de equipos con moi poucas opcións de levantar un título. A pouca competencia tanto económica como deportiva da Liga BBVA fai imposible a presenza de equipos non moi grandes con plantillas potentes e grandes estrelas. Mendieta, Mostovoi, Djalminha, Finidi, Dely Valdés, Julen Guerrero, Roa, Gustavo López, Makaay, Kily González, Javi Moreno… Xogadores que actualmente estarían nun dos tres colosos españois, ou emigrarían hacia ligas máis competitivas como a inglesa. Polo descenso de nivel da maioría destes equipos antóxase prácticamente imposible gañar un título como a Europa League, competición sempre esixente, e que nestes últimos anos estivo controlada por escadras que na nosa liga serían do mellorciño, superando como mínimo a 16 ou 17 clubes durante o torneo da regularidade (Atlético, Chelsea, Shaktar, Zenit).

Como resultado, o trofeo que sobre o papel máis alegrías pode deparar a un club medianamente modesto da primeira división é a Copa, grazas tamén ao pouco interese que a miúdo mostran o Madrid e o Barcelona en gañala. Gañala é complicado, pero eu son dos que pensan que nun trofeo que non consigues nada por quedar semifinalista, hai que ir sempre a gañar. Aínda que sone a imposible, e te poidas cruzar co Atlético en cuartos, co Barcelona en Semis e co Madrid na final, a ninguén se lle prohíbe soñar, de momento. Creo que a Copa hai que vela como un aliciente, e non como un problema de cara á liga. Cando se fai un bo papel ronda tras ronda, a autoestima do equipo medra, e por estatística normalmente os clubes que chegan ata unha das últimas rondas, raramente non rinden aceptablemente na Liga.

Estou de acordo co equipo que sacou o outro día Luis Enrique. En Copa rotar, si, pero non facer o esperpento do día de Getafe, que sería tirala. É a competición das alegrías, pois as únicas tristezas que dá son sempre posteriores a anteriores ledicias. Quen sabe se este ano nos dará algunha tristeza, como pasou na final de Madrid, na de Sevilla, ou incluso nos cuartos de final contra o Atlético durante os anos de segunda. Pero recordade que todos eses choros chegaron logo de moitos sorrisos. 

De momento a Copa xa nos brindou unha victoria diante dun gran equipo, cun gol dunha das maiores promesas de canteira, esperemos que nos proporcione máis noites alegres. Quen sabe, quizáis este ano se aliñen os astros e un equipo pequeno levante o trofeo das alegrías. E despois de tres finais perdidas e tantas boas sensacións, todos sabemos que o fútbol está en débeda co Celta, e algún día acabará por saldala. Mentras estemos vivos na Copa das Alegrías, está prohibido non soñar…

0 comments:

Publicar un comentario