El rincón del celtista (Capítulo LIII): Jorge Paz


Jorge coa camisola do Celta na Muralla China

Ourense, a Cidade das Burgas, é tamén terra de celtistas. Alí naceu hai algo máis de 40 anos o quinquaxésimo terceiro protagonista de El Rincón del Celtista. Jorge Paz, mestre de profesión, contaxiouse do sentimento celeste durante a súa etapa universitaria en Vigo. Agora percorre regularmente a A-52 con dirección Vigo para ocupar o seu asento na bancada de Río Bajo de Balaídos. Membro da peña celtista Siareiros.net e socio número 4.500, este ourensán é unha apaixoado do fútbol e das viaxes. Combina os seus dous hobbys para acudir cada ano a un bo número de estadios de todo o mundo.  Acompáñao unha fiel amiga: a camisola celeste.

ACTUALIDADE

Como se lle queda a un o corpo despois dun partido como o do Rayo?

Con moita desilusión porque cada vez que gañamos fora chegamos ao estadio coa idea de que por fin romperemos a mala racha en Balaídos. E para colmo, nesta ocasión, o equipo xogou bastante mal e non mereceu moito máis.

Que explica o cambio tan drástico que se produciu ante o Rayo despois da boa actuación de Sevilla?

O Rayo é un equipo distinto a todos e soubo utilizar perfectamente as súas armas. Ademais, aproveitou a ansiedade que empezamos a ter nos partidos de casa.

Consideras que Luis Enrique realizou o plantexamento e alineación axeitadas?

Tendo en conta as baixas de Aurtenetxe e Cabral, non había grandes opcións para configurar o 11. Persoalmente, non me convence Santi Mina na banda dereita, pero aínda menos Rafinha nese posto.  Se a alineación foi aceptable, o plantexamento foi moi malo e deixamos en bandexa o partido para o estilo que buscaba o Rayo.

Con este tropezo, a bagaxe na casa comeza a ser terrorífica. Que razóns levaron ao Celta a sumar tan só 3 puntos de 21 posibles en Balaídos?

Está claro que merecíamos levar bastantes máis puntos. O partido do Granada foi o mellor da temporada, e contra Espanyol e Levante tamén xogamos bastante ben. Hai que gañar o primeiro partido na casa canto antes para quitarnos toda a presión. E ten que ser ou Almería ou Osasuna. Ou ambos. De non ser así, a situación xa sería crítica.

O choque ante o Rayo deixa moi tocado a un futbolista: Toni. Cres que ante os vallecanos foi o seu último partido no lateral esquerdo? Que che pareceron os asubíos que lle adicou Balaídos?

Os asubíos son sempre improcedentes (salvo por actitude do xogador ou malos xestos, e non foi o caso). Ao inicio da Liga, había quen xa non confiaba en Toni, e despois estábamos os que pensábamos que Toni podía aportar algo en ataque como compensación. A día de hoxe creo que xa o 99% da xente ten a mesma sensación con Toni. Non serve como lateral.

Sen Aurtenetxe, Bellvís ou Jonny a perna cambiada?

En principio, probaría con Bellvís.

Outro que sae tocado é David Costas. Ante a baixa de Cabral, consideras que foi a alternativa axeitada? Teríaslle dado a oportunidade a Vila?

Pareceume unha falta de respeto enorme a Vila. Non entendo os motivos. Quero crer que foi un momento de ofuscación por parte de Luis Enrique.

Que lle pasa a Charles?

Charles necesitaría que o equipo xogase un pouquiño máis para el, e non tanto el para o equipo. Por exemplo, necesitamos que alguen poña algunha vez un centro en condicións.

Como recibiches a Trashorras? Bótalo de menos?

Con indiferencia. Recoñezo a súa calidade, pero nunca me convenceu cando xogaba no Celta. Agora no Rayo está traballando e correndo bastante máis. Non o boto de menos.

Titula o Celta 0-2 Rayo Vallecano

“Resístese a primeira victoria en Balaídos”

Tralo parón, agarda a Real Sociedad en Anoeta. Asinas o empate?

Aínda sendo un equipo de Champions, non asino o empate nestes campos. Pode soar raro, pero asinaba o empate na casa co Rayo como mal menor, pero en Anoeta, Pizjuán, Mestalla, etc… non asino o empate.

Que é o que máis temes do conxunto donostiarra?

O poderío no xogo aéreo (sobre todo a balón parado) e Griezmann.

Como se lles pode meter man aos de Arrasate?

Por asuntos persoais estiven o outro día en Anoeta vendo o Real Sociedad 5-0 Osasuna. Non me pareceu que a Real estivese ao nivel do ano pasado. Se somos capaces de ser contundentes e serios en defensa, imos ter serias opcións de gañar.

Oubiña será baixa en Donosti. Como ten Luis Enrique que cubrir a ausencia do capitán?

Faga o que faga Luis Enrique será un “parche”, xa que levamos ano e medio pedindo un reforzo nese posto. Colocar a Fontás sería retocar toda a defensa. Eu case me inclinaría por darlle minutos a Madinda.

Debe Rafinha continuar como suplente?

De momento si.  Na banda non me gusta e por dentro hai outros xogadores que están a máis nivel. Iso si, ten que chegar o día que sexa titular indiscutible. Pero para iso terá que facer máis méritos. Démoslle tempo.

Fai un pronóstico do Real Sociedad – Celta

1-3

Para finalizar, fai dez días sorteouse o cadro da Copa del Rey. Ao Celta tocoulle en sorte o Athletic Club de Bilbao. Ledo?

Xogar contra o Athletic sempre é algo atractivo. E na Copa aínda máis.

Es partidario das rotacións nesta competición? Cal sería o teu hipotético 11 ante os bilbaínos?

Non é cuestión de facer o ridículo ou de “tirar” descaradamente a Copa, pero deberían xogar os que menos minutos teñan e que pase o que teña que pasar. Non me quita o sono quedar eliminados.  Xogaría con: Sergio, Jonny, Costas, Vila, Bellvís, Madinda, Rafinha, Alex (ou algún do filial), Krohn-Dehli pola dereita, Toni pola esquerda e Santi Mina en punta.

Ata donde cres que chegará o Celta nesta competición?

Tendo en conta que xogamos a volta en San Mamés, e que eles si que van ir a morte pola Copa, o normal é caer nesta ronda.

Collage no que se pode ver a Jorge vivindo en directo as tres recentes finais da selección española en Viena, Johannesburgo e Kiev


EL TEST DEL CELTISTA

Dende cando e por que es celtista?

Simpatizo co Celta dende os anos 80, pero son socio e asiduo de Balaídos desde que fun a estudar Teleco a Vigo en 1989.

Un momento inesquecible?

As noites europeas na UEFA, os ascensos…e especialmente o vivido o pasado 1 de xuño.

Un momento para esquecer?

Sen dúbida, os descensos. E o regreso a casa tras a final de Sevilla.

O mellor xogador que viches?

Mostovoi e Mazinho.

Un gol para recordar?

En Europa, o “golazo” de José Ignacio en San Siro. Na Liga, o gol de Insa ao Espanyol e tamén o 3-1 de Álex López ao Xerez na temporada do ascenso.

O mellor adestrador que pasou por Balaídos?

Con Víctor Fernández fixemos o mellor fútbol da historia recente do club, pero eu valoro máis a adestradores como Chechu Rojo, Irureta ou Paco Herrera, que colleron proxectos estancados e déronlle un “plus” ao equipo conseguindo ascensos, finais de Copa ou clasificacións europeas tras moitos anos.

O mellor 11 da historia do Celta?

Escollendo entre os que vin xogar: Cañizares, Michel Salgado, Cáceres, Djorovic, Berges, Mazinho, Makelele, Karpin, Mostovoi, Revivo/Gustavo López, Gudelj/Penev.

Gudelj ou Penev?

Don Vlado, sen desmerecer o rendemento de Penev.

Manchev ou Cellerino?

Xogadores dese tipo tivemos ducias. Incluso poderíamos facer unha lista de 23 para un Mundial dos fracasados.

A mellor bancada do estadio?

Eu fun sempre socio de Río Baixo e téñolle cariño. Sen embargo, admito que en Marcador viven o fútbol con máis paixón.

Un cántico ou unha canción?

A Rianxeira era bonita ao principio pero agora xa empeza a estar un pouco “trillada”. En xeral, non me gustan os cánticos actuais. Vexo pouca orixinalidade. Case o máis orixinal é o “loló, loló”. Con iso está dito todo (risas).

Unha frase ou consello publicitario de Antón López (antigo speaker de Balaídos)?

O mítico “Coma sempre, o de sempre…Hala Celta!!!”

Define ao Celta nunha frase

Unha familia sufridora e loitadora.





0 comments:

Publicar un comentario