A peña Centolos Celestes presenta un escrito á Xerencia Municipal de Urbanismo en relación co estado de Balaídos


A peña Celtista Centolos Celestes, que se ubica na bancada de Marcador, ven de presentar no día de onte un escrito no rexistro da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo en relación co estado do Estadio Municipal de Balaídos, segundo reflicten na súa páxina web oficial. 

Esta peña caracterizouse nos derradeiros anos pola súa loita por acadar por parte das diversas administracións o compromiso de dar unha solución ó estado do vello campo de Fragoso, no que, á vista dos últimos sucesos acaecidos, non parece estar garantida a seguridade dos celtistas que acuden cada quince días. Nese sentido, no escrito solicitan información relativa á data da realización da inspección técnica de edificios (I.T.E.), plan de obras a acometer no estadio e a retirada de andamios, así como un garante da seguridade para os usuarios habituais do recinto. 

Do mesmo xeito, a peña adxunto no escrito o que eles dan en chamar "Informes Centolos", que veñen elaborando dende o ano 2007, e onde veñen denunciando a delicada situación do Estadio Municipal. Por último, conclúen que dende o seu punto de vista  o tema de Balaídos "non responde a unha cuestión de incomodidade ou de obsolescencia, que tamén, senón que é xa  para todos nós unha cuestión de seguridade e integridade das persoas que usan o estadio". 

Agardemos que non caia en saco roto.

0 comments:

Publicar un comentario