El rincón del celtista (Capítulo XVIII): Álex Holguín Rouco



Alejandro Holguín Rouco, máis coñecido como Rouquinho, é mestre de Educación Primaria nun colexio marista de Madrid. Lucense de nacemento, presume de ser un dos fundadores da famosa peña celtista da capital: Morriña Celeste. A súa bufanda celeste percorreu moitos lugares da xeografía española: Ponferrada, Granada, Valladolid, Barcelona, Salamanca... e os que quedan!

ACTUALIDADE

Que sensación te deixa o encontro fronte á Real Sociedad? Valoras o punto como bo? 

Calquera cousa que supoña sumar é bo, pero hai que ser claros… Agora mesmo, os números que temos son de descenso, así que hai que empezar a pensar que os empates non son bos resultados. 

Que cuota de responsabilidade tivo o colexiado no resultado final?

A mesma que poida ter un xogador cando se trabuca. Os árbitros son parte indispensable do xogo, igual co balón e cos xogadores… Se un día se trabucan, hai que sobrepoñerse e seguir cara diante. 

Consideras que o comité de árbitros debe modificar o xeito de proceder no tema das mans?

É que é complexo porque habería que limitar o tema da voluntariedade. Se se deixa a xuízo do árbitro, este ten que decidir nun curto espazo de tempo. Ás veces nós, despois de moitas repeticións, non o temos claro. O que si creo é que habería que unificar que é man e que non dunha vez.

Valorando o que levamos de tempada, teñen perxudicado os colexiados ao Celta?

Nalgunha peor xa nos temos visto ca na presente tempada. Sen ir máis lonxe, hai dúas tempadas, co Betis arriba, foi escandaloso, domingo tras domingo, roubo tras roubo…

Arbitraxe á marxe, a decisión de Herrera de fortalecer o centro do campo a costa de perder dianteiros foi do máis comentado a posteriori. Acertou o técnico catalán? Que farías ti?

Os que me coñecen, saben que non son precisamente pro-Herrera, pero o que non me gusta un pelo é que as posturas estean tan enfrontadas… Dá a sensación de que hai que, ou criticalo todo, ou defendelo a morte, mesmo cando é indefendible. Para min, xogando na casa hai que ir polo partido, por moito que nos quedemos cun menos. Empatar na casa ou perder é un punto de diferenza. Hai que tentar ir pola vitoria sempre. E non é tan descabelado gañar un partido con 10. Hai que ser valentes. Dende logo eu tería deixado polo menos dous dianteiros xogando. Estamos na casa e aquí nos atopamos fortes.

Que che pareceu a suplencia de Álex López? E o sistema empregado?

Álex non está a rendir ao nivel agardado. O bo é que cualidades ten de sobra e a marxe de mellora é moi ampla. Con respecto ao sistema o que non me gusta é que dá a sensación de que moitas veces estamos en función do rival e creo que sería mellor ser máis fieis a nós mesmos e ao noso propio estilo.

E Pranjic?

Bo xogador, todo por demostrar aínda.

Pon un titular ao Celta 1-1 Real Sociedad

Herrera desarma ao Celta en ataque.

Rouquinho, á dereita, xunto con Roberto Trashorras e Berto Villamarín, historiador de El Fútbol Es Celeste

Pese a no ter gañado, o Celta incrementou a distancia respecto dos postos de descenso debido ás derrotas dos seus perseguidores. Confías na salvación? Que tres equipos terminarán descendendo á Segunda División?

Temos que facer o noso e esquecernos do dos demais. É verdade que psicolóxicamente é importante vernos fóra dos postos de descenso, pero os nosos números non son para botar foguetes. E as sensacións, especialmente fóra da casa, son pésimas. Hai que tentar sumar de tres en tres canto antes. Temos 20 puntos en 21 xornadas, a este ritmo non chegamos aos 45 nin de broma e pode que algún dos de abaixo reaccionen. Por mira-lo vaso medio cheo, baixan Deportivo, Granada e Getafe.

Como valoras o equipo ata o de agora? Está onde ten que estar ou crees que cómpre esixirlle máis?

Eu coido que hai que ser esixente co equipo. O obxectivo ten que ser a salvación si ou si, pero pode pedírselle algo máis. Mellor xogo e máis afouteza nos partidos de fóra.

A semana que vén visitamos o Reyno de Navarra no que será a primeira gran final pola permanencia de aquí ao final do curso. Cales son as túas sensacións?

Partido fóra da casa, primeira oportunidade para vira-lo rumbo. Rival directo ao que xa lle gañamos en Balaídos. Hai que ir a dar un golpe enriba da mesa.

Augusto Fernández e Michael Krohn-Dehli, dous indiscutibles, non poderán estar en Pamplona por lesión. Como debe Herrera suplir as súas baixas?

Sen experimentos raros, poñendo a xente a xogar no seu sitio e ofensivos. Somos un equipo para te-lo balón, temos xogadores para iso. 

Parece que Túñez volverá a estar dispoñible. Cal será a parella de centrais titular?

Gústame Túñez-Cabral.

Fai un pronóstico do Osasuna - Celta

Comeza a reacción: Osasuna 0 – Celta 2

Esta semana péchase o mercado de inverno. Fichou ben o Celta? Crees que debería chegar alguén máis? Quén?

A min non me saen as contas. Marcharon Joan Tomás, Bustos, Dani Abalo; mancáronse de longa duración Samuel (xa antes) e máis Hugo Mallo; e só viñeron Demidov e máis Pranjic. Hai que facer un esforzó na parte de arriba. E todos pensamos nel: Orellana, volve, por favor!

Cal é a túa opinión acerca das saídas de Joan Tomás, Bustos e Dani Abalo?

Para min son bos xogadores, pero non tiñan a confianza de Herrera, polo que o mellor é que busquen outra oportunidade noutro sitio onde poidan estar mellor valorados.


Visita ao Santiago Bernabeu




O TEST DO CELTISTA

Dende cando e por que es celtista?

Coido que aquel 20 de abril do 94, no que a miña nai decorou a casa para a final de Copa. Decateime de que o celtismo era especial, que non tiña que ver con ningunha outra cousa.

Un momento inesquecible?

O gol de Joan Tomás en Valladolid o ano pasado. 

Un momento para esquecer?

O último descenso malia gañar ao Getafe en Balaídos. 

O mellor xogador que viste?

Sen dúbida, Alexander Mostovoi... e o gran Roberto Trashorras!

Un gol para recordar?

Makelele contra a Juventus. 

O mellor entrenador que pasou por Balaídos?

Bufff… non me convence ningún. Cecáis diría Eusebio.

Fundando a peña Morriña Celeste

Revivo ou Gustavo López?

Revivo. 

Arthuro o Papadopoulos?

Coudet ou Danilo? 

A mellor grada do estadio?

Gústame Gol

Un cántico ou unha canción?

O himno a capella… Impresiona!

Unha frase ou consello publicitario de Antón López (antiguo speaker de Balaídos)?

"Hoxe visítanos... (equipo rival)... E, amigos, como non, coma sempreeeee, o de sempreeeee: HALAAAA CELTAAAA!!!"

Que serías capaz de facer para que volvese Celestino?

Sempre fun máis de Nocho.

Define ao Celta en una frase

Só nós podemos entendelo.

Sufrindo cos penaltis en Granada

0 comments:

Publicar un comentario