Túñez: "Ogallá xogue Llorente, quero enfrontarme aos mellores"


Foto: marca.com

Andrés Túñez, un dos pilares do sistema defensivo do Real Clube Celta, atendeu esta mañá ás preguntas dos xornalistas na sala de prensa de A Madroa.

O futbolista de Bertamiráns amosouse desexoso de debutar en San Mamés e poder traer cara Vigo algo positivo de terras vascas. "Todo o mundo fala marabillas de San Mamés. É o seu último ano e imos intentar disfrutar e gañar o partido, aínda que sabemos que eles son moi fortes en casa, xogan ben ao fútbol e teñen o apoio dos seus siareiros. Temos que manter o bo nivel defensivo dos últimos encontros e xogar co balón como acostumamos. Non podemos ir con medo", sentenciou. Ao mesmo tempo, en relación coa posible parella coa que lle toque bailar, Túñez foi atrevido: "ogallá xogue Llorente. Eu quero xogar contra os mellores e para mín sería un reto enfrontarme a el. De todolos xeitos, tanto Toquero como Aduriz son tamén dianteiros de gran nivel".

Por outra parte, Túñez, que o domingo se atopará co seu compañeiro de selección Fernando Amorebieta, descartou que a plantilla estea a pensar máis aló do seguinte encontro. "No vestuario non se fala do Madrid. A nós impórtanos a Liga, só falamos do Athletic", afirmou con rotundidade. Debido á baixa de Cabral, o internacional venezolano deberá compartir o centro da zaga con Jonathan Vila, o que non lle supón un problema: "con Cabral, un xogador experimentado e con moitos partidos en Primeira, síntome moi cómodo, pero con Vila igual", asegurou.

Finalmente, en relación cos resultados acadados a pasada semana, o canteirán celeste expresou a súa satisfacción. "A semana pasada fixemos un esforzo sobrenatural, pero cumprimos a excepción dos últimos minutos do domingo, onde por pecar de inocentes marcháronsenos 2 puntos", declarou, "estivemos moi serios, especialmente en defensa". Ademais, admitiu atoparse ben físicamente: "o problema non era físico, senón psicolóxico. Con encontros entre semana non podes desconectar, porque ao rematar un partido xa tes outro e por iso faise máis complicado. Atópome ben físicamente é as dores na zona abdominal son cada vez menores", concluiu.

0 comments:

Publicar un comentario