Achégase o día. Un deses días nos que se para o mundo durante noventa minutos para os celtistas. Un deses días nos que, a pesar de que moitos digan que é un partido máis, o corazón latexa con máis forza cando o árbitro sinala o inicio do partido. E é que o día 20 do presente mes, o Real Club Celta visita un dos campos máis complicados de Europa, o Santiago Bernabéu.
En fronte, o Real Madrid. Un conxunto que non necesita presentación. O nove veces campión de Europa conta cunha das mellores plantillas do planeta. A meirande parte dos conxuntos que se enfrontan a eles saen derrotados, asoballados, goleados. Pero este Celta é diferente; capaz de convertir ó porteiro rival no heroe do partido; capaz de facer correr detrás da pelota ó mesmísimo Valencia en Mestalla, como se dun neno pequeno correndo detrás do seu xoguete se tratase.
Cun fútbol de toque, cun fútbol digno dun equipo que aspira a algo máis que a loitar por manter a categoría, comézase a escoitar cada vez con máis forza en Balaídos un cántico que define á perfección o xogo do noso equipo… “Futbol de Salón”.
E se hai algo que nunca debemos perder na nosa visita a Madrid, ese algo é a nosa seña de identidade, o fútbol que nos caracteriza. Porque nós non somos galácticos, somos humildes; non somos da capital, somos galegos; non ocupamos páxinas e páxinas de xornais deportivos, simplemente non saímos neles. Nin tan sequera temos a unha “superestrela” capaz de paralizar ao mundo do deporte por sentirse triste. Pero alguén dixo que no fútbol son once contra once, e mentras esta premisa se manteña, o soño de puntuar no coliseo branco pódese volver unha realidade.
É moi posible saír derrotados do Bernabéu… pero tamén é posible saír victoriosos; é moi posible saír goleados… pero tamén é posible golealos. Porque somos o Celta, porque somos “nobre xogo, afouteza e corazón”, por iso párome a pensar un intre e pregúntome, ¿e se na tarde do día 20 damos a sorpresa no Bernabéu? ¿e se na tarde do día 20 volvemos a escoitar “o miudiño” no Bernabéu?, e o que é máis importante… ¿e se na tarde do día 20 vemos fútbol de salón no Santiago Bernabéu?.
0 comments:
Publicar un comentario