Filiais si?


Foto: Real Club Celta
O Celta de hoxe é orgullo de moitos por ter grande cantidade de xogadores de orixe galega e, moitos deles, procedentes da canteira da Madroa. Precisamente diso quero falarvos, da canteira. Moitos de vós ides a Barreiro habitualmente a ver os partidos do filial, que este ano ten coma honroso obxectivo, mante-la categoría na 2ªB. Teno difícil porque non está a ter unha boa tempada e leva case que todo o ano en postos de descenso.

Eu son destes que abogan por unha liga de filiais coma unha opción de futuro. Dunha banda, non ten sentido que unha cidade coma Vila-Real teña un equipo en 1ª e outro en 2ª cun filial construído a base de talonario. Pero sen nos ir tan lonxe... Cidades galegas con equipos históricos con pasado recente na categoría de prata coma Ferrol, Pontevedra ou Ourense vagando pola Terceira, e filiais de equipos poderosos en 2ªA ou pelexando por subir e quitarlle o posto a outras cidades con moita máis ilusión por ver aos seus equipos en categorías maiores. Doutra volta... en serio... Quen vai ver ao equipo B do Vilarreal? Quen vai ao MiniEstadi? (estadios de 2ªA) xa sen pensar nos miles e miles que enchen Mareo ou a Cidade Deportiva do Raio Vallecano ou do Xetafe (que xa non vai ninguén a veren ao primeiro equipo, como para iren ao filial xogar contra o Conquense, por dicir algo), por pórmos algúns exemplos.

Hai quen di que é mellor así, porque os rapaces foguéanse contra xogadores máis experimentados e tal... Non sería mellor que directamente se fogueasen cos seus primeiros equipos? Que haxa unha aposta verdadeira e directa pola canteira e deixarnos de trapalladas. Ademais de todo o anteriormente dito está o vergoñento tema do reparto televisivo. E é que perdoádeme, pero tal é como está o asunto, co Madrid e o Barça cada vez máis e máis ricos, e o resto sufrindo para paga-las nóminas do persoal, a aposta polas canteiras ten que ser a solución. Que eles, Madrid e Barça, Barça e Madrid, xa van ficha-lo mellorciño do mercado internacional. O resto, investindo nas canteiras, en tratar de sacar aos mellores xogadores posibles, pode se-lo único xeito de combatermos a estes dous transatlánticos do fútbol moderno. A Liga de filiais é, por respecto á pureza da competición (que obxectivo deportivo ten o Barça B este ano?), por seguirmo-lo exemplo doutros países europeos, por respecto ás afeccións de cidades medias e pequenas e, sobre todo, por respecto ás propias canteiras, a única solución de verdade para esta liga bipolar hispanoescocesa que temos.

SEMPRE CELTA

0 comments:

Publicar un comentario