O Celta leva as palabras "canteira" e "Canteirán" ao diccionario galego



Sen palabras non hai historia, sen canteira tampouco. A Real Academia Galega (RAG) vén de incorporar ao Dicionario da Lingua Galega a palabra «canteirán/-á» a pedimento do Celta, e amplía o significado de ‘«canteira» con dúas novas acepcións vinculadas ao ámbito deportivo. Un paso que une lingua, cultura e deporte e que permite dar recoñecemento lingüístico a unha realidade profundamente arraigada na identidade do club.

A partir de agora, «canteirán/-á» figura no dicionario tanto como adxectivo, para definir un deportista formado na canteira do seu club, como substantivo, para referirse a ese mesmo deportista. Ademais,
«canteira» incorpora os significados de lugar ou institución de procedencia de persoas talentosas para unha actividade especializada, particularmente no ámbito deportivo, e de conxunto de deportistas que se forman nun mesmo club.

A propia RAG recolle o Celta nun dos exemplos que ilustran a nova entrada: «Vinte e dous canteiráns debutaron co Celta nos últimos dez anos». Unha referencia que reflicte a importancia da formación de talento propio na historia celeste e que pon en valor unha palabra cuxo uso metafórico está documentado na prensa galega desde hai máis dun século.

O Celta quere agradecer á Real Academia Galega a súa disposición e o seu labor en prol da nosa lingua. A canteira é moito máis ca un espazo de formación deportiva: é identidade, pertenza e orgullo. Con esta iniciativa, ambas as institucións contribúen a que o galego siga medrando tamén desde o deporte.

 Fuente: RC Celta 

0 comments:

Publicar un comentario