AFOUTEZA PODCAST | Máis aló da razón. Hoxe 21:00



ABrimos o bunker celeste entre semana para analizar todo o que deu de si esta pantomima infecta chamada xogar no Berexenasbeu. No tostadora xigante da Castellana pasou algo que non estaba no programa de man: o Celta saíu xogar ao fútbol. Pablo Durán marcou aos seis minutos, Williot Swedberg tivo o segundo e Thibaut Courtois sacoulle outra a Durán antes do empate. O Madrid tamén tivo as súas e acabou gañando 2-1. Todo isto, para quen siga interesado no fútbol, que sabemos que é unha afección minoritaria dentro do espectáculo. Tamén houbo árbitro. Chamábase Adrián Cordero Vega e viu penalti nun contacto de Javi Rodríguez con Kylian Mbappé que no Búnker imos discutir con toda a serenidade que nos caracteriza. Ou sexa, por quendas e sen respectar ningunha. Mbappé mandou a pelota por riba do longueiro. Por unha vez, o máis alto do Bernabéu non foi o prezo da entrada. Pero, pasada a parafernalia, hai outro partido do que se fala bastante menos. 
 
Non é un segredo: está publicado. O problema é que o BORME non ten resumo de tres minutos nin un señor berrando «¡ojo a esto!». O Celta quere captar algo máis de dez millóns para Celta360. A acción nova custa 636,50 euros. Se non compras e a ampliación se cobre enteira, conservas as túas accións, pero representan unha parte menor do club. E se sobran títulos, o Consello pode decidir a quen llos ofrece. Quen pon os cartos? Quen segue mandando aínda que non os poña? E quen queda co que sobre? Para responder, ou polo menos para non deixar de preguntar, volven eses tolos aos que ninguén no seu san xuízo acreditaría nin para cubrir a inauguración dunha rotonda. Dinky, de garda en Cádiz, por se aparece un optimista sen identificar. O Bardo do Norte, disposto a converter un saque de banda nun romance de vinte e sete estrofas. O Gran Lebrownie, a única persoa capaz de facer levadeira unha prima de emisión sen que lle paguen por iso. E Fran Lamas, o cravo favorito das redes celtistas e exiliado dixital dende que, segundo o seu propio parte de guerra, OnlyFans lle pechou o chiringuito por feo. Foi recorrer. Pedíronlle outra foto. Retirou o recurso. Para o celtismo crítico, para o intelectual e para quen, nunha tarde de chuvia antes do Nadal, estea aburrido de narices e xa recolleu a roupa do tendal. Non hai Acción de Grazas. Hai accións que fan graza. É un sinónimo raro: a graza empeora cando che toca pagar a ti. Abrimos o Búnker. Traede paraugas. Para o penalti, prismáticos; para as accións, calculadora.
 

0 comments:

Publicar un comentario