Afouteza Podcast | Edición Express - Celta Vs Union Saint-Gilloise (20:00)


O Celta contra o Algoritmo e a c*na que o pariu. Asi de claro. Esta noite hai Europa en Balaídos. Celta contra Union Saint-Gilloise. Un nome que parece unha cervexa de oito euros servida por un señor que che explica como debes bebela. Pero non nos enganemos: estes veñen xogar ao fútbol, non traer bombóns. Nós poñemos Balaídos, o celtismo e esa estabilidade emocional que permite pasar de «imos conquistar Europa» a «vendede todo e pechade» no tempo que tarda un central en controlar de costas. No Búnker Celeste estarán Gran Lebrownie e Fran Lamas, dous homes capaces de discutir cun algoritmo e acusalo de non ter visto un partido na súa vida. Porque agora resulta que unha máquina calcula as túas posibilidades de gañar. Moi ben. Que calcule tamén cantos anos de vida perde un celtista cando ve un pase horizontal diante da súa propia área. Dinky fará gardia na garita desde Cádiz, vixiando o perímetro e comprobando que non se nos infiltre ningún optimista sen antecedentes. Se alguén di «isto está gañado», activarase o protocolo de emerxencia: cortar o micrófono e obrigalo a lembrar partidos. E teremos a colaboración especial de Víctor, ECO de Balaídos, en puro directo desde a entrada ao estadio, tomando o pulso á noite europea. Ambiente, voces, ilusión e ese señor que xa chega cabreado por se despois non lle dá tempo.

Porque esta noite merece vivirse. Europa, Balaídos e o Celta. O que soñabamos cando bastante tiñamos con chegar ao domingo sen facer contas. Iso si: non vos acostumedes. Como collamos gusto, o próximo ano igual recortan tanto que o segundo dianteiro será unha opción do menú. «Prema dous para solicitar profundidade». E a música de espera, o himno. Que unha cousa é competir en Europa e outra permitir que a afección desenvolva expectativas. A ilusión está moi ben ata que pide un recambio. Haberá análise, retranca e opinións defendidas cunha seguridade absolutamente incompatible cos nosos coñecementos. Non prometemos acertar. Prometemos que, se acertamos, non vos deixaremos esquecelo. Entrade no Búnker. Hoxe xogamos contra os belgas, contra o algoritmo e contra esa voz interior que di: «Non te ilusiones, animal». Por certo..á voz, que lle dean. Primeiro, o Celta. Despois, xa veremos quen paga a terapia

0 comments:

Publicar un comentario