Desde as profundidades do Búnker de Afouteza, entre sirenas antiaéreas, cables que ninguén sabe onde van e unha consola soviética que aínda arranca con Windows 95, chega unha nova edición de Afouteza Podcast. Os membros do búnker ocupan os seus postos, os amigos do chat entran no refuxio e a porta blindada péchase por fóra, fundamentalmente para impedir que marche ninguén cando empece Akelarre Celeste: catro gordos falando de fútbol, aínda que hoxe seguramente sexan cinco, seis ou os que permita o forxado.
Sobre a mesa, o Celta de Vigo 2-1 Deportivo Alavés: sete puntos dos últimos nove, unha asistencia, un golazo, dous milagres e unha nova cita colectiva con Cardioloxía. Gran Lebrownie, Bardo do Norte, Fran Lamas, Manu Percu e Airam, las tropas del bunker de guardia permanente.
Analizaremos a discutible titularidade de Couhaib Driouech, futbolista cuxo nome custa máis escribir ca defender unha transición do Celta. Preguntarémonos se Ferran Jutglà corre apartando o aire cos brazos para aumentar voluntariamente a resistencia aerodinámica, como quen adestra cun paracaídas invisible. Normalmente chega á área despois de vencer o vento, a presión atmosférica e varios principios da física para mandar o balón a unha comarca próxima; pero hoxe, milagre nuclear: enchufouna tras unha cabalgada de Javi Rodríguez.
Tamén falaremos do pequeno susto de volver ver a Marcos Alonso dirixindo desde atrás coa autoridade dun municipal redactando multas: serio, colocado estratexicamente e coa sensación permanente de que alguén vai recibir unha sanción por estacionar mal entre liñas.
E despois apareceu SuperJavi. Javi Rodríguez decidiu que ser defensa era unha recomendación administrativa, arrancou desde atrás, fabricou o primeiro gol e marcou o segundo despois de atravesar a defensa rival como se tivese activado un código secreto. O internacional participou directamente nos dous tantos celestes: asistencia para Ferran Jutglà y gol cruzado tras deixar varios rivais atrás.
Xusto cando parecía que podiamos rematar o partido sen necesitar os sacramentos, o Deportivo Alavés marcou no minuto 87 e activou o protocolo habitual de Balaídos: angustia, uñas voando e espectadores prometendo cambiar de vida se aquilo acababa ben.
Entón chegou San Radu de Bucarest, patrón dos balóns imposibles e protector oficial das vantaxes mínimas. Andrei Radu realizou dúas paradas decisivas ante Lucas Boyé e Mariano Díaz, salvou tres puntos e evitou que o episodio de hoxe se titulase“Outra vez a mesma merda: edición coleccionista”. Non sabemos se foi porteiro, santo, muro romanés ou aparición mariana con luvas, pero o expediente queda aberto no departamento paranormal do búnker.
Esta noite, no Búnker de Afouteza, discutiremos se o Celta xogou ben, se simplemente gañou, se Javi Rodríguez debe levar capa regulamentaria, se Andrei Radu pode canonizarse antes do próximo domingo e cantas veces máis pode o celtismo sobrevivir a un final así sen que a Xunta instale desfibriladores debaixo de cada asento de Balaídos.
SUPERJAVI + SAN RADU = TRES PUNTOS E UN CARDIÓLOGO
Afouteza Podcast, desde o Búnker de Afouteza. Aquí analizamos o fútbol como se estiveramos desactivando unha bomba. E, vendo os últimos minutos, tampouco hai tanta diferenza.




0 comments:
Publicar un comentario