Directo | Afouteza Podast | Témolos cadrados: Afouteza Podcast contra Lamine Yamal, España e o sentido común





MOI CELESTE: HOXE XOGA A SELECCIÓN… E NÓS FACEMOS PROGRAMA Que xoga a selección española? Pois estupendo. Parabéns á selección española. Nós facemos programa. Estamos tolos ou non temos miolos? Probablemente as dúas cousas. Porque unha cousa é a valentía e outra, bastante máis nosa, é saír en directo o mesmo día que xoga Lamine Yamal, mirar cara á audiencia e dicirlle: “Marchade tranquilos, covardes. Nós quedamos aquí falando do Celta.” Isto é Afouteza Podcast: ninguén ao timón, o compás roubado e o barco apuntando directamente contra as pedras. Non sabemos a onde imos, pero levamos gasolina, tres micrófonos e opinións suficientes para cometer un incidente diplomático. E se non hai actualidade, inventámola. 
 
Para algo somos xente creativa. Outros necesitan noticias; nós precisamos unha cadeira, un vaso de auga e alguén que diga: “Eu non quería sacar este tema, pero…”. Comezaremos cun repaso completo ao virus FIFA, esa fermosa tradición pola que os clubs entregan futbolistas sans e pasan os seguintes días mirando o teléfono como quen espera os resultados dunha biopsia. Seleccións, aeroportos, minutos, sobrecargas, molestias e esa frase marabillosa de “regresa por precaución”, que no fútbol significa que xa podes ir buscando o parte médico e un santo ao que poñerlle unha vela. Presentaremos batalla, porque alguén terá que dicir as cousas como son. E, se non son exactamente así, xa aparecerá un tertuliano disposto a defendelas berrando. Tamén teremos a Javier Tebas, a presidenta e Abel Caballero sacándose mutuamente as vergonzas. Un combate sen luvas, sen árbitro e, nalgúns momentos, sen relación aparente coa realidade. Todo isto baixo o espírito inmortal do alcalde: “Guelcome ebri bodi, best crismasindegüorl.” Unha declaración institucional que non entende Cambridge, pero que Vigo comprende perfectamente porque aquí xa sufrimos cousas bastante máis difíciles, como interpretar unha rotonda de López Mora ou saber cando remata realmente unha obra municipal. E como non hai partido do Celta, continuaremos cos nosos apartados habituais de lesións, recuperacións, recaídas, molestias, xeonllos e músculos con nomes que parecen concellos do interior de Lugo. Porque o Celta non xoga, pero a xente lesiónase igual. Ás veces adestrando. Ás veces coa selección. E ás veces, sospeitamos, simplemente lendo o calendario. Falaremos tamén de fútbol, ou dese concepto administrativo que a Liga coloca entre os anuncios, os horarios delirantes e as decisións que ninguén entende pero que, misteriosamente, sempre veñen acompañadas dunha nota oficial de quince páxinas. Así que xa o sabedes: Hoxe xoga a selección. Hoxe xoga Lamine Yamal. Hoxe España enteira mira cara a outro lado. E nós, cun par de balóns perfectamente xeométricos, facemos programa. Porque competir contra a selección non é intelixente. Non é sensato. Non é comercialmente recomendable. Pero é Moi Celeste. E onde non chega o sentidiño, chega Afouteza Podcast: ninguén ao timón, todos opinando e o iceberg pedindo a palabra. Afouteza Podcast: España ten a Lamine Yamal; nós temos dous cadrados e un micrófono.
 

0 comments:

Publicar un comentario