⚡ DUELO DE DRUIDAS ⚡ O búnker celeste abre as comportas: especial express Celtic – Celta Esta noite, ás 21:00, o Celta pisa Celtic Park. Nós non imos estar alí. Imos estar mellor: no búnker celeste, con wifi, calefacción e un nivel de afouteza que xa ten preocupada a Protección Civil. Hai partidos, hai partidazos e logo está isto: celtas contra celtas, druida contra druida, gaita contra gaita. Dous clubs irmandados que levan anos chamándose "curmán" e que esta noite van poñer a irmandade en modo avión durante noventa minutos. Despois do partido, aperta. Antes, nin bicos. Os dous chegan sen puntuar na Europa League e co mesmo plan: gañar primeiro e confraternizar despois. Por esa orde, e sen saltarse ningún paso.
🌧️ O factor climático Os escoceses avisan de que pode chover en Glasgow. En Vigo iso non é unha alerta meteorolóxica. É unha vantaxe táctica. Alí chámanlle mal tempo; nós chamámoslle martes. Se cae orballo, o Celta xoga en casa. 🛡️ A expedición Uns tres mil celtistas xa están en Glasgow. Os pubs da cidade pediron reforzos de cervexa a Irlanda e un escocés foi visto preguntando que é exactamente iso de "Afouteza e corazón". Aínda non lle contestaron. Están cantando. 🏰 A formación titular do búnker O Gran Fran Lamas, á batuta. Director, estratega e home que xa ensaiou o berro de gol diante do espello. Tres veces. O espello pediu a baixa. PilyAn Mbappé, ao mando e dándoo todo. Máis rápida que o seu alcume: controla as redes, os tempos e ao propio Fran, que é o máis difícil dos tres. Bardo do Norte, o noso druida oficial. Se marca o Celta, recita. Se encaixa, tamén recita, pero en ton menor e con néboa de fondo. Gran Lebrownie, análise táctica de altura e de anchura. Ten un encerado, sabe usalo e non ten medo a ninguén. Dinky, pequeno de nome e enorme de opinión. É capaz de discutir co VAR antes de que o VAR decida nada. Manu "Percu", ritmo, bombo e paciencia cero. Se hai gol celeste, os veciños do búnker saberán o resultado antes que Movistar Plus+.
📜 Advertencia do servizo médico O Celta chega con seis xornadas invicto na liga e cun recordo amargo da Juventus no último minuto. Prometemos non mencionar a Juve. Xa a mencionamos. Iso, amigas e amigos, chámase retranca. Ver o Celta en Europa só e no sofá é cousa de valentes. Velo connosco é cousa de xenios. Non respondemos dos danos causados en cadeiras, pantallas, redes sociais nin tímpanos veciñais. 📡 Como conectar 🔵 Conectamos: [20:00] · Onde: [PODES VERNOS EN DIRECTO DENDE MOI CELESTE] 🧣 Trae a bufanda. Trae a voz. Trae a túa avoa, que sabe de fútbol máis ca ti. 🍲 Queimada opcional, pero recomendada polos druidas. Os menhires xa tremen, a tormenta xa está convocada e o búnker xa ruxe. Afouteza Podcast ... e ponlle corasón. E, se pode ser, tres puntiños para casa. 💙




0 comments:
Publicar un comentario