Fredi Álvarez: "O proxecto do Sabadell é estable e fiable"


Foto: RC Celta

(EFE) O adestrador do Celta Fortuna, Fredi Álvarez, destacou este venres “a estabilidade” do proxecto do Sabadell, ao que reciben mañá en Balaídos.

“Eu non o vexo tanto como unha revelación. É un equipo moi consolidado, xa desde as dúas últimas tempadas vén facendo moi ben as cousas. Ascenderon de Segunda Federación a Segunda División en dous anos, iso quere dicir que o proxecto é estable e fiable”, manifestou en rolda de prensa.

Ademais, o técnico galego restou importancia ao feito de que o conxunto catalán aínda non gañase como visitante, xa que fóra do seu estadio xogaron “contra rivais top, foron a Mallorca e Castellón”.

“Eles teñen moi claro a que queren xogar, teñen 11 puntos por méritos propios porque están facendo moi ben as cousas. Fóra da casa non gañaron, pero fixeron partidos moi bos. É un equipo difícil, que está nunha moi boa dinámica, cun sistema moi difícil de contrarrestar”, afondou.

Asumiu a súa parte de culpa polos malos inicios de partido que están a realizar, xa que a medida que os encontros avanzan o seu equipo “vai medrando e demostra que pode competir contra calquera equipo”.

“Levamos moitos goles encaixados na primeira parte. Nesta categoría é moi difícil levantar unha desvantaxe. Estamos cometendo erros moi graves e iso estanos penalizando. Onte tivemos unha reunión cos xogadores da liña defensiva porque aí temos moito marxe de mellora”, expuxo.

Fredi Álvarez cre que o seu equipo aínda está “moi lonxe” de adaptarse á esixencia de LaLiga Hypermotion porque “aquí calquera situación de perigo que lle concedas ao rival xera unha ocasión, e iso non sucedía o ano pasado”.

“Agora hai que afacerse a perder. Estes xogadores veñen de gañalo todo desde cadetes, e agora necesitan afacerse a perder porque esta tempada igual perdemos máis que gañamos. Necesitamos ser fortes a nivel mental”, concluíu.

0 comments:

Publicar un comentario