Fredi Álvarez da por bo o empate ante o Sabadell


Foto: RC Celta

Fredi Álvarez fixo unha lectura positiva do empate do Celta Fortuna ante o Sabadell, especialmente polas circunstancias coas que o seu equipo afrontou o encontro. O técnico moañés valorou a capacidade para poñer fin á dinámica de dúas derrotas consecutivas e destacou o rendemento defensivo ante un rival que atravesa un bo momento. "Imos dar por bo o punto. Cortamos a racha e de aquí, cara adiante", sinalou. O preparador celeste recoñeceu que o Fortuna non estivo cómodo coa proposta do conxunto catalán: "Sabiamos que iamos ter un partido difícil ante un rival en boa forma, que xoga moi directo e acumula moitos xogadores en campo contrario. E nós viñamos de cometer erros importantes. Estivemos solventes a nivel defensivo, pero non estivemos cómodos no ofensivo. É importante cortar a racha, sumar. Tiñamos moitas ausencias".

Para Fredi, o 1-1 foi "o máis xusto" polo visto sobre o terreo de xogo, aínda que o obxectivo pasaba por sumar os tres puntos. O adestrador explicou que foi un encontro "moi trabado" e que ao Fortuna lle custou desenvolver o seu xogo ante a proposta do Sabadell. Neste contexto, volveu poñer en valor o apoio da afección, con máis de 5.000 espectadores en Balaídos. "Estamos moi contentos de que a xente siga estando e como animan", destacou.

O técnico tamén tivo palabras de eloxio para Álvaro Marín, autor do tanto celeste, ao que atribuíu "un partido grande, tremendo". Fredi Álvarez valorou así mesmo o debut en Segunda División de Jorge Pérez-Lafuente, xuvenil que xa participara co Fortuna en Primeira Federación. "Está facendo moi bo traballo, deunos enerxía, presión e profundidade", explicou sobre o canteirán.

0 comments:

Publicar un comentario