Hai equipos que comezan a tempada cunha planificación impecable, un mercado resolto, as ideas claras e a maquinaria perfectamente engraxada. Despois está o Celta. E despois, chegando aínda máis tarde, estamos nós. Afouteza Podcast volve esta noite. Si, xa sabemos que a tempada comezou hai unhas semanas. Non foi un despiste. Estabamos agardando prudentemente a que o Celta gañase un partido para anunciar o noso regreso nun ambiente de felicidade, optimismo e concordia. Como vimos que a cousa podía alongarse, decidimos volver igualmente. Porque o Celta empezou sen nós… e nótase.
Falaremos do mercado do Celta e do resto desa contracción marabillosa chamada Liga española; traduciremos a comparecencia de Garcés do idioma da dirección deportiva ao celtista común; examinaremos a planificación, os primeiros partidos e o paradoiro descoñecido do gol. Todo iso con Borja, Bardo do Norte, afinando a lira para cantar O lateral que nunca chegou; Dinky, Xoán e Fran Lamas achegando análise, retranca e interrupcións regulamentarias; os amigos do canal e das redes botando unha man, e Manu intentando producir un programa organizado cun grupo de persoas que considera “mañá” unha data de entrega perfectamente válida. Esta noite volve Afouteza Podcast: máis directo, máis informal e coa firme intención de sacar conclusións definitivas cando aínda non entendemos absolutamente nada.
Síguenos en YouTube, Twitch e Kick, porque nunca sabemos en que plataforma funcionará todo á primeira. Tamén haberá unha misteriosa canle para subscritores especialmente comprometidos, pero esa ligazón non se poderá publicar ata a hora da emisión, por recomendación expresa dos avogados, de Manu e dun señor que chamou preguntando se conservabamos as facturas.




0 comments:
Publicar un comentario