Coa preguiza solemne de quen parece cumprir unha obriga que lle pesa na conciencia, chega finalmente ao Concello de Santiago a merecida homenaxe a Borja Iglesias. Xa era tempo.
Este recoñecemento, ademais de constituír unha elemental cuestión de xustiza co futbolista compostelán, representa tamén un pequeno acto de consideración cara aos celtistas que vivimos máis alá de Vigo. Somos unha lexión numerosa, teimuda e espallada por toda Galicia, aínda que con demasiada frecuencia se nos trate coma se o celtismo perdese a cobertura ao atravesar a ponte de Rande.
Insisto: esta homenaxe representa tamén o celtismo compostelán. É de rigor. E resulta moi, moi necesaria.
O lector de Moi Celeste pode intuír as razóns desta demora e da inmensa preguiza amosada polo goberno compostelán. Resúltame complexo escribir sobre isto procurando pasar cos pés de punta, porque non pretendo converter estas páxinas nun espazo de confrontación política. Non é ese o sentido deste lugar en internet, nin debería selo.
E convén deixar algo claro desde o principio: esta crítica non pretende cuestionar ningunha identidade, ideoloxía ou sentimento nacional. Todos eles caben nunha sociedade plural. O que se cuestiona é a maneira de exercer unha responsabilidade institucional cando unha determinada visión política parece interferir nun recoñecemento que debería pertencer a toda a cidade.
Tampouco debería aceptarse o secuestro de símbolos ou figuras comúns en beneficio dun credo político prevalente, sexa cal sexa o seu signo. Dígoo desde o respecto a todas as posicións: paréceme unha práctica profundamente perigosa.
Pódese ter unha ideoloxía, envolvela en solemnidade e administrala coma se fose incenso. O que non debería facerse é converter o Concello nunha capela privada onde cada recoñecemento público teña que superar primeiro un exame de pureza doutrinal.
Borja Iglesias é compostelán e alcanzou un éxito deportivo extraordinario. Recoñecelo non esixía unha conversión política, unha xenuflexión ante ningunha bandeira nin unha crise metafísica arredor do concepto de España. Bastaban educación institucional, sentido común e certa rapidez administrativa.
A homenaxe terminou chegando, pero fíxoo despois dun atraso innecesario, baixo unha notable presión pública e no medio do habitual rebumbio político. A mesma ponzoña de sempre, capaz de contaminar ata aquilo que debería unirnos. A fotografía resultante non é especialmente decorosa. Cando unha institución acaba facendo tarde aquilo que podía facer ben e a tempo, non estamos ante unha vitoria ideolóxica. Estamos ante unha rectificación con cerimonia.
Quero deixar claro, en todo caso, que o meu punto de vista é fundamentalmente celtista. Cadaquén pode deitarse co seu credo e rezar aos seus propios santos e demos. Respecto profundamente a quen non cre na Constitución, na monarquía ou mesmo no concepto de España. Nalgúns deses debates, probablemente téñenme máis preto do que imaxinan. Do mesmo xeito, respecto a quen, sempre desde a consideración debida aos demais, pensa dunha maneira radicalmente diferente. Nisto cabemos todos. Ou deberiamos caber. A convivencia democrática non require que pensemos o mesmo. Require que ningunha posición se arrogue o dereito de expulsar as demais do espazo común.
Pero quen goberna unha cidade debe levantarse pola mañá e gobernar tamén para quen non comparte o seu altar.
Alégrome profundamente por Borja Iglesias. Insisto: meréceo. E alégrome tamén por Santiago, aínda que o seu Concello tivese que ser arrastrado pola realidade ata o lugar ao que o sentido común conducía desde o primeiro minuto.
Por suposto, a esta representación do absurdo tampouco faltaron os habituais aproveitados da oportunidade política. Determinados dirixentes, españois e moito españois, ceutís sentimentais de novo cuño e membros de recente incorporación aos Terzos de Flandres, non se conformaron co típico xesto de arrimar a ascua á súa sardiña. Algúns intentaron apropiarse da fogueira, do peixe e mesmo do mérito do homenaxeado. Todo serve para fabricar un titular, ocupar o centro dunha fotografía e rabuñar uns cantos votos. Uns atrasan o evidente por dogma. Outros transforman ese atraso en propaganda. Os de sempre facendo o de sempre arredor do mérito doutro. Mercaderes do aplauso. Non obstante, tampouco aquí convén confundir as cousas: sinalar o oportunismo de determinados representantes non significa desprezar os seus votantes nin as ideas que lexitimamente representan. A crítica debe dirixirse contra a instrumentalización política, non contra os cidadáns que pensan doutra maneira.
Porque, cando todo se converte en trincheira, o primeiro que cae abatido é o sentido común.
O fútbol consegue sentar baixo as mesmas cores persoas que discrepan en case todo. A política, en cambio, parece especializarse en separar mesmo a quen comparte o esencial. Sobor de todo nos ultimos tempos.
Por iso convén lembrar que gobernar non consiste en administrar trincheiras, senón en atopar puntos de entendemento entre posicións diferentes. Non se trata de renunciar ás conviccións propias, senón de evitar que esas conviccións impidan recoñecer o mérito alleo. Tal vez quen vive da política debería observar con algo máis de humildade aquilo que o fútbol consegue de maneira natural: reunir persoas diferentes arredor dunha emoción compartida.
E quizais esa sexa, ao final, a mellor homenaxe que podemos facerlle a Borja Iglesias.




0 comments:
Publicar un comentario